A Universidade de Verán explora o patrimonio da Serra do Courel cunha serie de xornadas de campo
A Universidade de Verán 2011 da USC achégase este ano a Seoane do Courel cun curso que en forma de xornadas de campo profundará no tema ‘O patrimonio da Serra do Courel’. Esta proposta estival conta co financiamento do Grupo de Desenvolvemento Rural Ancares-Courel e a Deputación luguesa, ademais de estar recoñecido pola Consellaría de Educación como formación permanente do profesorado non universitario. Entre os días 5 e 7 de setembro, a cabalo entre a Estación Científica do Courel e distintas localidades de Seoane, o curso celebrarase en forma de tres saídas de campo, na que os participantes coñecerán os temas tratados de xeito directo en cada un dos lugares obxecto de estudo. Para facilitar a asistencia e a participación nas distintas actividades, a organización facilitará transporte gratuíto entre Santiago e o Courel e a volta a Compostela. A primeira destas xornadas de campo versará sobre o patrimonio xeomorfolóxico e paixasístico e desenvolverase en Couto, Lagoa da Lucenza e o Glaciar da Seara, da man de Alberto Pérez-Alberti e Luis Guitián, da USC, e de José María Redondo, da Universidade de León. O patrimonio biolóxico será o argumento da segunda xornada, na que se visitarán o bosque da Escrita e soutos do val do río Pequeno. Coordinarán este saída de campo José Guitián e Rafael Romero, ambos da USC. Para rematar, o curso aproximarase ao patrimonio cultural, achegándose a Parada do Courel, cunha visita á casa de Uxío Novoneyra, e a Seceda. Intervirán a profesora da USC Carmen Blanco, e o da Universidade da Coruña Pedro de Llano.
A conferencia de clausura impartiraa Benigna Varillas, premio Nacional de Xornalismo Científico e coordinador da Plataforma de Converxencia Medio Rural Natureza, co título ‘Conservación do Patrimonio e desenvolvemento rural’. As persoas interesadas atoparán máis información na web do curso en http://www.usc.es/cultura/uveran38_11.htm.