A Universidade de Verán da USC para 2012 oferta 34 cursos en once localidades de toda Galicia

A oferta de cursos da Universidade de Verán da USC para este ano inclúe un total de 34 títulos que se celebrarán nos campus de Santiago e Lugo así como noutras nove localidades de toda Galicia. O programa desta edición dos cursos estivais da USC presentárono en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro. Este ano, a programación de cursos desenvolverase en Cervantes, Guitiriz, Lalín, Padrón, Ribadeo, Ribeira, Sarria, Seoane do Caurel e Vilagarcía, localizacións ás que hai que sumar o Campus de Santiago, que acollerá 13 cursos e o de Lugo onde se van desenvolver 9. Como en anteriores ocasións, o abano de temas propostos é tan variado como o propio número total de cursos ofertados, incluíndo entre as temáticas cursos sobre cuestións ambientais, tecnoloxías láser, cooperación xudicial e policial internacional, biopolítica, estratexias educativas en tempos de crise económica e social, razas de cans autóctonas galegas, as industrias da transformación da madeira, alimentación e actividades física en persoas afectadas por cancro, cine social dende a perspectiva de xénero ou novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0, entre outros asuntos. Os alumnos que se matriculen poderán validar a súa asistencia como créditos. Para o estudantado procedente de diplomaturas, mestres, enxeñarías, enxeñarías técnicas e licenciaturas a validación será en forma de libre configuración, 2 por cada curso de 30 ou máis horas e 1 polos de menos de 30 horas. Pola súa banda, para o de titulacións adaptadas ao EEES a validación será de 2 créditos optativos por cada curso de 25 horas ou más e dun para os de menos de 25. O prazo de matrícula abrirase o próximo 15 de maio para as persoas que realicen este trámite por internet, e a partir do 20 de xuño se o fan de modo presencial. Existen diferentes datas límites para formalizar o trámite, en función da data de celebración do curso. Así, este prazo remata o 6 de xullo para os cursos que se celebran na semana do 16 de xullo, o 13 do mesmo mes para os que se celebran a partir do día 23, e ata o 31 de agosto para os que se celebran na semana do 3 de setembro. Taxa xeral e reducida
A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidades, xeral e reducida. A primeira, de 120 euros para os encontros de máis de 30 horas e de 70 para os seminarios e xornadas que non superen esta cifra. A taxa reducida está dirixida aos estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional, pensionistas, persoas desempregadas, así como PDI e PAS da USC. Neste caso, os prezos a pagar serán de 70 e 40 euros, segundo a carga lectiva do curso. As persoas interesadas poden recibir máis información na páxina web da Área de Cultura (http://www.usc.es/cultura).
A programación presentárona Pablo Sampedro e Francisco Durán