Ir o contido principal

Universidades e entidades europeas acordan na USC desafíos e oportunidades sobre a economía azul co proxecto ATLIC

Participantes na sesión do proxecto ATLIC celebrada en Lugo
Participantes na sesión do proxecto ATLIC celebrada en Lugo
Representantes das diferentes entidades e organizacións de Portugal, Francia, Irlanda e España implicadas no programa europeo a prol do aproveitamento dos recursos que ofrece o Espazo Atlántico para o emprendemento e a innovación entre a mocidade, definiron no Campus Terra as áreas de traballo do programa Atlantic Innoblue Communities (ATLIC)
Lugo, Santiago de Compostela

Representantes de universidades e diversas entidades europeas implicadas no proxecto Atlantic Innoblue Communities (ATLIC), un programa promovido por un consorcio de entidades e institucións de España, Francia, Irlanda e Portugal, entre as que, entre outras, figuran Vida Láctea e a Cámara de Comercio de Santiago, e coas que tamén colabora como asociado o Campus Terrra da USC, definiron este martes na sede universitaria luguesa algúns dos retos, desafíos e oportunidades de emprendemento e innovación que ofrece o Espazo Atlántico para o desenvolvemento de proxectos innovadores por parte da súa mocidade.

A definición das prioridades do traballo a desenvolver para avanzar na creación dun novo enfoque para a innovación e o emprendemento xuvenil no desenvolvemento da economía azul do Espazo Atlántico centrou a xornada celebrada este martes no edificio Cactus do Campus Terra, onde os distintos promotores e colaboradores implicados neste proxecto Interreg Atlantic Área intercambiaron as diversas iniciativas propostas pola mocidade dos seus respectivos países para avanzar na constitución dunha comunidade de innovación atlántica capaz de achegar á sociedade novas oportunidades de negocio e tamén novos servizos que dean resposta aos desafíos reais.

A doutora lusa Vera Araújo explicou neste senso que a activación deste laboratorio abertos de innovación, transferencia de coñecemento e creación de capacidades e redes de apoio que constitúe o proxecto ATLIC pretende contribuír a achegar novas solucións de mercado e tamén respostas a desafíos comúns das rexións atlánticas. O enfoque do proxecto, estruturado en sesións de formación activa dirixidas a mocidade de entre 16 e 30 anos e que se prolongarán durante tres anos, busca optimizar e aglutinar as sinerxías entre mocidade, pemes, institucións públicas e privadas en aras a un desenvolvemento económico sostible que favoreza a innovación e a creación de novas oportunidades de emprego, engadiu.

As achegas que pode realizar o Campus Terra da USC neste eido son importantes, tal e como indicou Elvira López Mosquera na sesión de benvida a socios e participantes no proxecto ATLIC. A delegada do reitor da USC neste campus de especialización destacou na súa intervención a dilatada experiencia que atesoura a sede universitaria na organización de eventos de xeración de ideas, innovación e de iniciación ao emprendemento da mocidade.

A relación de moitas das liñas e dos proxectos de I+D desenvolvidos ou nos que traballa a comunidade científica do Campus Terra xustifica a súa implicación no programa Atlantic Innoblue Communities, lembrou López Mosquera, que citou neste senso o bo número de actuacións orientadas ao aproveitamento dos recursos mariños, así como proxectos enfocados ao control e eliminación de toxinas emerxentes, ademais doutros no plano da acuicultura, recuperación de especies en perigo de extinción, aproveitamento de augas rexeneradas, aproveitamento de algas mariñas e de descartes de peixe, iniciativas a prol da mitigación do cambio climático...

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2024.