As universidades galegas acordan un modelo de cooperación que aposta por un sistema público universitario de excelencia

Os reitores das Universidades galegas, Senén Barro (USC), Alberto Gago (UVigo) e José María Barja (UDC) avanzaron este mércores en Compostela as liñas mestras dun acordo que supón o máis importante en materia de cooperación en docencia e investigación desde que existe o Sistema Universitario Galego.
Os reitores coincidiron en cualificar esta iniciativa de “histórica”, se ben, como lembrou Alberto Gago, “a cooperación universitaria en Galicia funciona razoablemente ben dende hai anos”, o que significa “que temos unha importante experiencia acumulada”. Ademais, “é un acordo que non responde contra ou ante ninguén senón que é a favor do país”, subliñou Senén Barro, quen agradeceu a presenza en Santiago dos seus homólogos galegos.
Nesta mesma liña, José Mª Barja xustificou a pertinencia do momento, ao coincidir coa finalización da primeira fase do proceso de incorporación ao EEES ou co futuro desenvolvemento dun marco lexislativo en cuestións directamente relacionadas coas universidades. Xunto isto, o momento económico global “obríganos a buscar sinerxías que axuden ao reforzamento e visibilidade do Sistema Universitario Galego”.
As universidades asumen o compromiso de traballar relacionadas entre si e ordenadamente para ter unha contribución máis eficiente e eficaz a prol de obxectivos comúns, en resposta ás demandas da sociedade e dos seus axentes económicos, sociais, políticos, culturais... Segundo os reitores, a creación e transmisión do coñecemento, a súa valorización e transferencia e o desenvolvemento tecnolóxico deben ser perseguidos polas tres universidades galegas no ámbito da súa autonomía, pero tamén colectivamente, como sistema.
Aínda que na actualidade existen abundantes exemplos de cooperación interuniversitaria, as universidades galegas consideran que é necesario dar novos e máis relevantes pasos na liña de cooperar para ser máis competitivos, individual e colectivamente. “Galicia non é unha potencia mundial en materia de formación universitaria e I+D e polo tanto necesita máis da intelixencia colectiva para estar no grupo dos países máis desenvolvidos na sociedade do coñecemento”, afirman os reitores.
Este Acordo de Cooperación Universitaria contempla a colaboración na docencia non só nos máster e doutoramentos, como vén sendo habitual, senón tamén nos graos. “A oferta docente universitaria de calidade esixe cada vez de máis e mellores recursos, dun profesorado cun nivel moi alto de formación e competencia e de títulos de grao cada vez máis versátiles e con enfoques inter e multidisciplinares”, argumentan.
Tamén é necesaria a cooperación en apostas estratéxicas no eido da investigación e da transferencia. En moitos ámbitos científico-tecnolóxicos é moi difícil facer unha investigación punteira sen sofisticadas infraestruturas e equipamentos, cuxo custe de adquisición, instalación, mantemento e utilización son inviables se non se colabora. Do mesmo xeito, é imprescindible contar con masa crítica e procurar a acumulación de talento que permita a abordaxe de estratexias de gran relevo na escala estatal e internacional.
Cada unha das Universidades galegas ten ámbitos de intensificación e especialización da súa actividade de I+D+I nos que resulta especialmente competitiva e potencialmente de excelencia. Identificar individual e colectivamente estes ámbitos en cada Universidade e buscar a cooperación das outras é indispensable para guiar mellor as inversións das administracións públicas, ter maior probabilidade de éxito en programas competitivos estatais e internacionais e, en definitiva, lograr facer unha investigación e unha formación de maior impacto científico, económico e social.
Este é o caso das ciencias e tecnoloxías da vida, na USC; o medio mariño, na UVigo; e a edificación e construción sostibles, na UdC. Estes tres polos científico-tecnolóxicos representan a primeira concreción de agrupamento estratéxico no sistema galego de I+D e achegan a información seleccionada que precisan os gobernos para dirixir a súa acción orzamentaria cunha maior eficiencia e garantía de éxito. Estas apostas suporán un avance significativo na formación, na investigación, na creación de emprego, na prestación de servizos de alto valor engadido, etc.
“Galicia ten o dereito a esixirlle aos seus gobernantes e ás súas universidades que traballen desde o diálogo e a cooperación, e máis no actual escenario económico, para aspirar a ter unha sociedade mellor e máis desenvolvida”, afirman. Precisamente nesta liña as Universidades galegas sitúan este acordo de cooperación.