Ir o contido principal

As tres Universidades galegas constitúen o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial

De esquerda a dereita: Carlos Vázquez Cendón, Xosé Luis Armesto, Juan Casares, Peregrina Quintela, Salustiano Mato e José Durany
De esquerda a dereita: Carlos Vázquez Cendón, Xosé Luis Armesto, Juan Casares, Peregrina Quintela, Salustiano Mato e José Durany
ITMATI nace coa vocación de converterse nun centro tecnolóxico de referencia internacional no ámbito da matemática industrial

Os reitores das Universidades galegas asinaron o convenio para constituír o Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), con sede na Universidade de Santiago de Compostela, o que supón un fito importante de agregación de recursos entre as tres institucións para promover a transferencia da tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das administracións públicas. A súa principal misión consistirá en contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade no entorno industrial e empresarial, apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento de tecnoloxía matemática avanzada orientada á transferencia á industria. ITMATI está promovido por once investigadores pertencentes a nove grupos de investigación en Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa das tres universidades galegas. O equipo conta con ampla experiencia e recoñecido prestixio no desenvolvemento de solucións para o mundo da empresa, ben de forma autónoma ou en colaboración coas propias empresas ou con equipos doutras áreas de coñecemento. A creación e posta en marcha do Instituto é un paso máis para a consolidación do posto de liderado que actualmente ocupa a Matemática Industrial galega. Esta posición é recoñecida tanto nacional como internacionalmente grazas ao intenso labor de transferencia de tecnoloxía a empresas e outros axentes de todos os sectores produtivos, realizada ao longo dos últimos 20 anos polos grupos de investigación galegos promotores de ITMATI. Deste modo, afiánzase o polo de Matemática Industrial en Galicia como un referente, incrementando exponencialmente o impacto sobre as empresas, o que permite dar un salto cualitativo e cuantitativo medible en termos de investimento empresarial en I+D+i. Para a alcanzar os seus obxectivos ITMATI contará, ademais de persoal científico, de persoal especializado na xestión de proxectos e a transferencia de tecnoloxía e innovación. Deste modo optimízase a transmisión do coñecemento xerado nas universidades no ámbito da matemática industrial para a súa aplicación nos sectores produtivos. Os tres reitores asinaron o convenio constitutivo ante notario en San Xerome

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2013.