Ir o contido principal

As universidades galegas e mexicanas colaborarán en materia de recoñecemento académico, mobilidade e no desenvolvemento de proxectos conxuntos

As universidades galegas colaborarán coa Asociación Nacional de Universidades e Institucións de Educación Superior de México de (ANUIES) no recoñecemento mutuo de títulos e certificacións académicas ou a promoción do intercambio de profesores, especialistas e estudantes. Esta liña de cooperación quedou formalizada nun memorando asinado en Guadalajara (México) polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario xeral de ANUIES, Jaime Valls Esponda, coa presenza no acto protocolario dos reitores galegos e do secretario xeral de Universidades.

O acordo contempla igualmente que as institucións universitarias e a Asociación mexicana compartan boas prácticas para incrementar a calidade no sistema, ademais de fomentar a integración entre a investigación e as actividades industriais e comerciais; formular e desenvolver proxectos de investigación; promover a internacionalización da educación superior e o desenvolvemento profesional docente; ademais de facilitar o intercambio de información, publicacións e material didáctico ou bibliográfico.

Esta sinatura enmárcase no acordo asinado o pasado mes de maio entre o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a secretaria xeral iberoamericana, Rebeca Grynspan, polo que a administración galega se adhería á alianza pola mobilidade académica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2017.