Ir o contido principal

As universidades galegas, a Real Academia de Belas Artes e os conservatorios superiores de Música galegos cooperarán na divulgación da arte

As tres universidades galegas, a Real Academia Galega de Belas Artes e os conservatorios superiores de Música galegos acaban de asinar un protocolo xeral de actuación para o desenvolvemento de liñas de cooperación en materia de divulgación das Belas Artes. No acto protocolario de sinatura interviñeron os reitores Juan Viaño, Julio Abalde e Salustiano Mato; o presidente da Real Academia, Manuel Quintana Martelo; e os directores dos conservatorios a Coruña e Vigo, Julio Mourenza e Esteban Valverde, respectivamente.

Na base deste protocolo atópase a conveniencia de “acrecentar a vinculación académica, artística e científica” entre as institucións asinantes así como a vontade de establecer os instrumentos axeitados que permitan a cooperación neste ámbitos. Para a consecución destes obxectivos, universidades, conservatorios e a Real Academia de Belas Artes favorecerán a participación mutua das entidades en proxectos de divulgación conxuntos, facilitarán o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas con actividades de divulgación das artes e as ciencias en Galicia e desenvolverán liñas de actividades e accións de cooperación e intercambio recíproco en proxectos divulgativos das belas artes, a súa teoría e historia.

As liñas a desenvolver estarán ligadas á realización de obradoiros científicos, exposicións, concertos e calquera outra actividade que achegue a arte á cidadanía. Neste contexto, tamén se realizarán conxuntamente accións conmemorativas de contido artístico e impulsaranse liñas de colaboración nos proxectos de investigación das entidades asinantes.

Cunha duración mínima dun ano, a execución do protocolo e a súa posta en práctica a través de iniciativas particulares desenvolverase mediante documentos elaborados de común acordo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2017.