As universidades galegas súmanse ao desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Os reitores das tres universidades galegas, Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron este martes os seus respectivos convenios para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
En virtude destes acordos -dotados con 100.000 euros cada un- as universidades desenvolverán medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Máis en concreto, porán en marcha actuacións relacionadas con dous eixos: o de sensibilización e prevención, e o de visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres. Esta nova colaboración complementa o traballo que xa viñan desenvolvendo as Universidades a través das súas Oficinas de Igualdade e o resto de actuacións que xa executaban en colaboración coa Xunta, como as xornadas contra a violencia sexual.
Plan de Estado
Entre as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero figuran reforzar e ampliar en materia de Educación, os valores igualitarios e a educación afectivo-sexual obrigatoria en todos os niveis educativos, fomentando que se traten de forma integral, ademais de abordar a prevención da violencia de xénero, o machismo, as condutas violentas, a educación emocional e sexual e a igualdade, o valor da diversidade e a tolerancia. Outras liñas de traballo serían a formación permanente a docentes en materia de prevención da violencia de xénero.
De acordo co recollido no Plan de Estado, o convenio apoiará a realización de campañas que teñan como público obxectivo a mocidade utilizando preferentemente as tecnoloxías da información e da comunicación. Neste senso, tamén se contempla o desenvolvemento de actividades formativas sobre o uso axeitado e crítico de internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos. Outra liña de actividade será a formación especializada en violencia de xénero para profesionais de medios de comunicación.
As unidades de Igualdade universitarias galegas traballarán tamén na realización de estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario o que permitirá valorar, no seu caso, a oportunidade de realizar campañas de prevención nos campus e, de forma particular, das agresións sexuais “en cita”. Outros posibles campos de estudo serán a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero, e preparar recursos adaptados a elas, e sobre a situación de menores (custodia, réxime de visitas, relacións co pai maltratador,...).
Outras cuestións recollidas no documento asinado son a promoción dende as administracións públicas e organizacións empresariais da mellora da formación recibida por responsables das empresas e representantes sindicais, así como o deseño de programas de prevención, detección e protocolos especializados ou a actualización dos existentes en atención e actuación, adaptándoos ás especificidades das diferentes violencias sexuais. Neste mesmo contexto, procurarase o desenvolvemento de protocolos de intervención e detección precoz en todos os ámbitos educativos.
Finalmente, entre as medidas do Plan de Estado figuran o fomento da investigación en violencias sexuais, a través de estudos diagnósticos, desenvolvemento estatístico, unificación de datos e a súa difusión, e os estudos de prevalencia e deseño de indicadores para todos os tipos de violencias sexuais, así como establecemento dun sistema de análise estatística que recolla as violencias machistas que sofren as mulleres que exercen a prostitución.