Ir o contido principal

As tres universidades galegas únense para por en marcha en outubro o primeiro Máster en Empresa Familiar

O vicerreitor de Relacións Exteriores, Lourenzo Fernández Prieto (terceiro pola dereita), representou á USC na presentación do Máster
O vicerreitor de Relacións Exteriores, Lourenzo Fernández Prieto (terceiro pola dereita), representou á USC na presentación do Máster

Froito da colaboración entre as tres universidades galegas xurde o Máster Oficial de Dirección de Empresa Familiar, unha iniciativa que, nun momento marcado pola desaceleración económica, nace coa finalidade de favorecer a consolidación deste sector empresarial do país. Este programa de posgrao oficial, que dará comezo no mes de outubro, estará a cargo das Cátedras universitarias galegas de Empresa Familiar, que na USC dirixe o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, José Díaz de Castro.
Con 25 prazas ofertadas, o contido do posgrao articúlase arredor de cinco módulos globais impartidos por profesionais procedentes das consultoras de Caixanova, Deloitte, Cuatrecasas, Garrigues, Price Waterhouse e Inditex.
Os aspectos identificativos e organizativos das empresas familiares, o seu tratamento xurídico, a xestión dos recursos humanos e a dirección financeira son algúns dos puntos incluídos dentro do programa do máster, que terá a duración dun curso académico e será impartido os venres pola tarde e sábados pola mañá para facilitar a asistencia aos profesionais en activo. Para os alumnos suporá 60 créditos.
A docencia será complementada con exposicións de casos prácticos de empresas familiares, debates, mesas redondas e seminarios para tratar temas de actualidade. Por último, o programa prevé un módulo de plan de negocio co obxectivo de desenvolver propostas de futuro, xa sexa dende unha área concreta de traballo ou dende unha perspectiva integral de empresa.
Debido ao seu carácter rotacional, Vigo acollerá a primeira edición deste posgrao, que en próximas edicións se desenvolverá en A Coruña e Lugo.
PresentaciónDurante a presentación do programa, subliñouse a importancia da empresa familiar na economía do país posto que “os 2,5 millóns de organizacións familiares que existen en España representan o 65% do PIB e o 60% das nosas exportacións”, segundo datos ofrecidos por José Luis Pego, director xeral de Caixanova. Polo tanto, asegurar a supervivencia deste tipo de proxectos empresariais que contan cunha alta taxa de mortandande no paso da primeira á segunda xeración, é un dos principais obxectivos do programa de posgrao.
Para entender os problemas e debilidades aos que se enfronta a empresa familiar hai que ter en conta que a diario vense obrigadas a combinar afecto e diñeiro, “dous conceptos antagónicos que converten as estratexias de xestión nunha arte”, tal como sinalou Elena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial, que engadiu que “para isto precísase unha técnica eficaz que lles será proporcionada por estes estudos”. A este respecto, Fernando Casado, director do Instituto de Empresa Familiar, apelou á necesidade de favorecer o desenvolvemento do talento, “un factor esencial da economía nos próximos anos”, segundo as súas propias palabras.
Un posgrao a nivel europeo“Especial”. Con esta palabra definiu Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo, o máster que as tres universidades galegas poñen en marcha conxuntamente e que “incorpora á oferta pública de posgrao unha formación de altísima calidade”, segundo as súas verbas. Neste sentido, Lorenzo Fernández Prieto, vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela, entende que este posgrao demostra que as universidades galegas están dispostas a “competir ao máis alto nivel no Espazo Europeo de Educación Superior”, tal como el mesmo afirmou.
Pola súa banda, Xosé María Barja, reitor da Universidade da Coruña, atribúelle a este posgrao un plus de fortaleza e solvencia por estar avalado polas tres institucións galegas de educacións superior.
Ademais de ter como destinatarios a directivos e membros de empresas familiares, o posgrao reserva un terzo das prazas dispoñibles a licenciados en Economía, Administración e Dirección de Empresas e Dereito Económico que, tras adquirir os coñecementos específicos, desexen integrarse neste tipo de organizacións. Neste sentido, “seremos unha canteira de persoal cualificado a disposición das empresas que precisen cubrir postos de dirección ou xestión”, tal como apuntou Pilar Cibrán, directora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo.
O proxecto está liderado polas Cátedras de Empresa Familiar das tres universidades galegas, promovidas polo Instituto de Empresa Familiar e patrocinadas por Inditex, a Asociación Galega de Empresa Familiar e Caixanova.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2008.