Ir o contido principal

As Universidades de Santiago e Nacional de Colombia comparten coñecementos en arquitectura bioclimática

A experiencia piloto diríxese á valorización de recursos enerxéticos en poboacións indíxenas dispersas da selva do Orinoco

Esta semana e a seguinte, no marco do Máster en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética, impártese na Facultade de Física un curso monográfico sobre arquitectura bioclimática que por primeira vez é seguido simultaneamente por videoconferencia por alumnos e profesores da Escola de Arquitectura da Universidade Nacional de Colombia (UNC), sede de Bogotá.
Trátase dunha experiencia piloto, integrada nun amplo proxecto de colaboración entre os grupos de Asentamentos Indíxenas da UNC e de Aplicacións Enerxéticas Sostibles da USC coordinados polos profesores Perez dos Rios e López Agüera, dirixida á valorización de recursos enerxéticos en poboacións indíxenas dispersas da selva do Orinoco.
A actividade, coordinada polo arquitecto da USC e profesor da Universidade da Coruña, Fernando Tabernero, conta con recoñecidos profesionais do sector que tratan cuestións obre arquitectura sostible, avaliación enerxética de edificios, intermodalidade e outros indicadores ambientais.
Como complemento, durante o mes de maio ofertaranse catro obradoiros prácticos coa mesma temática, un deles impartido polo profesor Oswaldo Pérez dos Ríos desde a Universidade Nacional de Colombia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2010.