Ir o contido principal

As Universidades de Santiago e Porto e a Fundación CEER colaboran na construción dun Espazo Cultural Universitario na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Representantes das Universidades de Santiago e Porto e da Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) reuniranse este xoves, día 28, en Compostela para iniciar as labores de traballo para a construción dun Espazo Cultural Universitario. Á xuntanza asistirán o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, o Pro-reitor da Universidade do Porto, Manuel Janeira, e o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás.
O obxectivo fundamental do proxecto é contribuír á difusión cultural e científica do patrimonio universitario para reforzar os vínculos existentes entre as universidades de Galicia e o Norte de Portugal. Para iso buscaranse sinerxías e complementariedades entre as comunidades universitarias da Eurorrexión, constituídas por máis de 12.000 profesores e investigadores e 160.000 alumnos. Traballarase tamén na divulgación desta área entre os escolares de primaria e de secundaria.
Na xuntanza do xoves elaborarase unha axenda de traballo que decidirá, entre outras cuestións, a organización dunha mesa de debate entre as Vicerreitorías de Cultura das seis universidades que forman parte da Fundación CEER (Universidade de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Minho, Porto, Tras-os-Montes e Alto Douro).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2008.