Ir o contido principal

Universitarios por un día

O alumnado posa coa carpeta oficial da USC. FOTO: Santi Alvite
O alumnado posa coa carpeta oficial da USC. FOTO: Santi Alvite
Máis de tres milleiros de alumnos preuniversitarios toman parte esta semana nos ‘Encontros na Zona USC’
Santiago de Compostela

O programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC achega aos estudantes de ensino medio os distintos estudos de grao que se ofertan nos campus de Compostela a través dunha nova edición dos denominados ‘Encontros na Zona USC’. As residencias universitarias do Burgo das Nacións e do Monte da Condesa serviron este martes, de punto de partida para os distintos itinerarios a través dos cales o alumnado preuniversitario puido coñecer de primeira man a oferta docente e de servizos da Universidade. 

Os encontros estenderanse ata o vindeiro 6 de febreiro e ao longo destes tres días, 3.347 estudantes, procedentes de 63 centros de ensino medio de toda Galicia, poderán acceder a aulas, laboratorios e bibliotecas da Universidade. Os mozos e mozas preuniversitarios puideron seleccionar, de acordo coas súas inquietudes formativas, os centros que desexaban coñecer de primeira man. Nestas visitas, ademais de profesorado, participan os alumnos titores dos distintos centros universitarios, que serán os encargados de dirixir ao alumnado polo campus e trasladarlles as súas vivencias na USC. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2020.