Os universitarios de Lugo poderanse iniciar nas técnicas da fotografía analóxica e dixital
Ata o vindeiro 5 de xaneiro os universitarios de Lugo poden matricularse no curso de iniciación á fotografía analóxica que se desenvolverá os luns, martes e xoves dende o 12 de xaneiro ata o 2 de marzo, en horario de 20:00 a 21:30 horas na Aula de fotografía do campus, e que se enmarca dentro dunha nova edición do programa ‘Fotocultur’.
O fotógrafo Eduardo Ochoa dirixirá estas sesións, nas que tentará que os alumnos adquiran uns coñecementos elementais sobre o mundo da fotografía que lles permita un maior goce e aproveitamento na toma de imaxes, tanto de ambiente familiar como turístico, ao tempo que adquiren a base para unha futura ampliación de coñecementos relacionados coa cámara fotográfica e os seus obxectivos.
As clases alternarán a teoría coa práctica, que se levará a cabo tanto no laboratorio como con saídas á natureza ou a diversas actividades culturais que permitan aos participantes traballar diferentes aspectos vinculados coa fotografía.
Fotografía dixitalA USC mantén tamén aberto ata o 22 de decembro o prazo de matrícula para o segundo curso de iniciación á fotografía dixital que se desenvolverá en Lugo no actual curso académico.
As sesións, a cargo de Fernando Gago, terán lugar os luns, mércores e xoves dende o 13 de xaneiro ao 11 de febreiro en horario de 20:00 a 22:00 horas na Aula de Audiovisuais da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo.