Os universitarios cun proxecto innovador de base tecnolóxica teñen unha nova ocasión de convertelo en empresa co concurso 'Xurdir' de Coremain
Os universitarios cun proxecto innovador de base tecnolóxica susceptible de converterse en empresa dispoñen ata o vindeiro 14 de decembro para participar no concurso de proxectos ‘Xurdir’ da empresa Coremain, especializada na prestación de servizos no ámbito das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC).
O obxectivo deste concurso é dar visibilidade ao potencial innovador do universitarios e procurarlles unha oportunidade de adentrarse no mercado laboral xa que o proxecto premiado converterase nunha empresa constituída ao 50 por cento entre Coremain e o responsable da idea.
O concurso vai dirixido a estudantes universitarios da comunidade galega, de último curso de carreiras técnicas ou de primeiro ano de posgrao, que poderán presentar a súa idea a título individual ou colectivo. As ideas, en todos os casos, deben ser de base tecnolóxica e orientadas a desenvolver solucións, tanto en forma de produtos coma de servizos, baseadas nas aplicacións das TICs.
A empresa pretende que o concurso sirva para favorecer ideas innovadoras e comprometidas socialmente, que acheguen solucións de base tecnolóxica en catro ámbitos: no campo de aplicación da Lei de Dependencia, no eido da protección medioambiental, en materia de seguridade informática e na xestión de procesos para os que actualmente non existen solucións no mercado.
O premio consistirá na creación dunha empresa, constituida a partes iguais por Coremain e pola persoa gañadora, para o desenvolvemento e posterior comercialización do produto ou servizo de que se trate. O gañador achegará á nova empresa a súa idea, o que lle dará dereito ao 50% de participación, mentres Coremain asumirá a financiación do proxecto empresarial, establecendo un prazo máximo de 18 meses para o seu desenvolvemento, período no que porá a disposición os seus recursos humanos, os seus equipamentos e as súas instalacións na súa sede corporativa, no Parque Empresarial Costa Vella, de Santiago.
O ditame do xurado, composto por profesionais de Coremain, será dado a coñecer o 15 de xaneiro. As persoas interesadas en participar poden consultar as bases na web www.coremain.com e solicitar máis información por e-mail a xurdir [at] coremain.com (xurdir[at]coremain[dot]com). Os traballos deben ser enviados por correo postal, á sede de Coremain.