Ir o contido principal

Os universitarios da USC interesados en participar con relatorios no congreso anual de Eunis poden presentar os seus traballos ata o 31 de xaneiro

O congreso celebrarase no mes de xuño en Dinamarca

A asociación ‘European University Information Systems’ (EUNIS), da que a USC forma parte dende 2006 e que está considerada como a principal asociación europea de sistemas de información en educación superior, celebrará o seu catorce congreso anual no mes de xuño na Universidade de Aarhus de Dinamarca. Ao ano seguinte, a xuntanza recalará na USC.
O obxectivo global de Eunis 2008 é servir de foro de encontro de profesionais interesados no desenvolvemento de sistemas de información de alta calidade na ensinanza superior en Europa, así como intercambiar experiencias con especialistas doutros países europeos e coñecer as últimas novidades neste eido.
Os integrantes da comunidade universitaria da USC interesados en participar no encontro coa presentación de relatorios poden facer as súas achegas ata o 31 de xaneiro. Os traballos deberán xirar arredor dalgún dos temas propostos pola organización, tales como estratexias en tecnoloxías da información e xestión, infraestruturas e sistemas integrados, soporte tecnolóxico para a globalización e mobilidade, portais e servizos para estudantes, librarías virtuais e depósitos para a investigación e a docencia, organización e implementación de sistemas e-learning ou ferramentas educacionais e tecnoloxías, entre outros.
Eunis é un organismo fundado no ano 1993 que aglutina a máis de 70 membros de 22 países europeos ademais de Israel e Estados Unidos. A súa meta é alentar o establecemento de vías de comunicación e colaboración entre os responsables dos sistemas de información nas institucións de educación superior, centros de investigación e organizacións afíns no ámbito xeográfico europeo. Ademais, a asociación quere fomentar o establecemento de enlaces cos principais subministradores neste campo así como con organizacións co obxecto de deseñar a axenda estratéxica para os sistemas de información no ensino superior e no eido investigador tanto nos ámbitos estatal coma europeo.
Para acadar máis información sobre a próxima celebración do 14 congreso anual de Eunis, as persoas interesadas poden dirixirse á paxina web do encontro (http://www.eunis.dk/).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2008.