Universitarios xaponeses visitan a USC
Os profesores da Universidade de Santiago e de Tokío, Xosé Sántos Solla e Satoko Nakajima, respectivamente, coordinaron a realización das primeiras “Leccións e prácticas no Camiño de Santiago para universitarios xaponeses”. A actividade, iniciada o pasado 31 de agosto, contou cun total de 15 estudantes que chegaron este venres á USC logo de percorrer o treito Astorga-Santiago. Durante esta fin de semana, os visitantes coñecerán, ademais de Compostela, as localidades de Fisterra e Muxía.
En todas as etapas do Camiño, o alumnado asistiu ás leccións teóricas sobre a historia da peregrinación a Compostela, impartidas pola profesora Satoko Nakajima. Xa en territorio galego, dende Samos a Muxía, varios conferenciantes achegáronse ao final de cada etapa para falar de diversos aspectos da cultura galega, dende os espazos naturais á arte medieval, as peregrinacións no mundo ou a prolongación do Camiño a Fisterra e Muxía.
A iniciativa organizouna o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC, en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. O obxectivo do proxecto foi achegar o Camiño de Santiago ao público nipón máis novo.