Ir o contido principal

A USC aborda nun curso de verán en Formación do Profesorado a música como recurso curricular en educación infantil e primaria

Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC
Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC

‘A Música como recurso curricular en educación infantil e primaria’ é o título do curso incluído na Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 12 ao 15 de xuño na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC. Estruturado en 25 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 30 persoas, este programa formativo e de divulgación, dirixido Mª Ángeles López de la Calle Sampedro e Mª del Carmen Sarceda Gorgoso, inclúe sesións expositivas de carácter teórico, obradoiros prácticos e mesmo concertos didácticos.

O seminario estival da USC ‘‘A Música como recurso curricular en educación infantil e primaria’’, un programa que conta con financiamento da Deputación de Lugo e da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, pretende desenvolver unha nova visión da música que supere a súa concepción como contido de ensino para entenderse como un recurso útil para o traballo nas distintas áreas e materias e valorar a música como contido transversal no currículo de educación infantil e educación primaria.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 2 de xuño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2017.