Ir o contido principal

A USC aborda o vínculo entre universidade e cooperación para o desenvolvemento

Este congreso representa un punto de encontro das universidades para compartir experiencias e xerar oportunidades de novas aprendizaxes, alianzas e canalizar os retos que as interpelan. Foto: Santi...
Este congreso representa un punto de encontro das universidades para compartir experiencias e xerar oportunidades de novas aprendizaxes, alianzas e canalizar os retos que as interpelan. Foto: Santi...
A sétima edición do foro promovido por Comisión Sectorial CRUE-Internacionalización e Cooperación celébrase entre o 27 e o 29 de novembro no Paraninfo da Universidade
Santiago de Compostela

O VIII Congreso Universidade e Cooperación ao Desenvolvemento, punto de encontro bienal do traballo das universidades en materia de cooperación internacional, bota a andar este mércores no Paraninfo da Universidade e esténdese ata o venres 29. Este congreso representa un punto de encontro das universidades para compartir experiencias e xerar oportunidades de novas aprendizaxes, alianzas e canalizar os retos que as interpelan. O foro está promovido polo Grupo de Traballo de Cooperación da Comisión Sectorial CRUE-Internacionalización e Cooperación e apoiado polo Observatorio da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (OCUD).

O congreso constitúe, tal e como afirman dende a organización, unha “oportunidade para tender pontes entre as contribucións da investigación, as estruturas de xestión e administración das nosas institucións, o compromiso coa formación, as demandas sociais e a nosa actividade técnica desde o ámbito da cooperación. Esforzámonos porque cada un destes ámbitos estea representado no programa”.

“Por todo iso, interrogámonos -continúan- sobre cal é o noso papel ante os retos globais. As respostas obtidas poden agruparse na xeración de coñecemento e o compromiso social”. O coñecemento xustifícase pola necesaria interrelación entre investigación, innovación e transferencia desde un plano bidireccional: os resultados de investigación poñen a disposición alternativas e solucións; a cooperación internacional xera novas aplicacións e novos desafíos a abordar. Neste armazón atópase a singularidade da cooperación universitaria ao desenvolvemento e nela as achegas que as universidades poden crear desde o compromiso social, a formación e a cooperación. Esta mirada centrou o programa deste congreso en tender pontes entre a xeración de coñecemento e o desenvolvemento do compromiso social a través de e para a cooperación, aseguran.

Como se puxo de manifesto na xornada, “ante nós ábrense retos que xa non podemos eludir, que non distinguen entre o inmediato e o transnacional, retos que debemos afrontar globalmente. A Axenda 2030 supuxo un punto de inflexión na concepción global destes retos, especialmente no referido ás alianzas, interpelando á súa integralidade e a súa universalidade”. A piques de finalizar o primeiro terzo do tempo establecido para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), o foro analiza que contribucións están a xerar as universidades para a súa consecución.

No acto inaugural, que ten lugar no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia, alén do reitor Antonio López, toman parte Pastora Martínez Samper da Universitat Oberta de Catalunya, directora do Observatorio da Cooperación; María Jesús Such Devesa da Universidade de Alcalá e presidenta do Grupo de Traballo CRUE-Internacionalización e Cooperación; José Luís Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo; Pilar García de la Torre, vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da Universidade da Coruña; e Jesús María Gamallo Aller, director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Eixos temáticos

Saúde, benestar e seguridade; territorio, desenvolvemento rural, cidades e gobernanza; ou as políticas e relacións internacionais, son algúns dos eixos temáticos que pivotan o encontro. Asemade, a educación para o desenvolvemento sustentable e a cidadanía global; as tecnoloxías para o desenvolvemento, a sustentabilidade e a cooperación; así como as migracións e dereitos humanos, completan as liñas obxecto de análise.

Na organización tívose en conta o principio de sustentabilidade, minimizando a pegada ecolóxica do evento e velando pola xustiza nos produtos e servizos que se consuman, tanto desde a perspectiva da comercialización internacional como de proximidade. Na organización do encontro, desenvolve un papel fundamental a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) integrada por USC, UDC e UVigo, e financiada pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.

O reitor presidiu a xornada no Paraninfo da Universidade. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.