A USC abre a inscrición nos cursos e obradoiros de fotografía, danza e teatro que se celebrarán en Lugo
A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir o prazo de inscrición nos distintos cursos e obradoiros de fotografía, danza e teatro programados pola Área de Cultura, dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, e que se desenvolverán no campus de Lugo ao longo do presente exercicio académico 2013-2014.
As principais novidades desta convocatoria con respecto á programación de anteriores edicións veñen dadas pola oferta dun taller de iniciación ao teatro dirixido a persoas inscritas no IV Ciclo universitario, ademais de pola organización dun módulo avanzado de fotografía dixital, aberto á participación de persoas que teñan coñecementos previos. A maioría das actividades que se desenvolverán este curso o Espazo de Danza a Aula de Teatro e o Espazo de Fotografía no campus de Lugo teñen prazas limitadas. As persoas interesadas deberán aboar as taxas de matrícula e formalizar a súa inscrición nas oficinas da Área de Cultura do campus de Lugo, emprazadas na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo. Tamén se pode obter máis información respecto desta programación de extensión cultural a través dos números de teléfono 982 821 513 ou 982 821 500. Aula de teatro A consolidada programación da Aula de Teatro do campus de Lugo vese reforzada nesta nova convocatoria pola organización dun taller de iniciación ao teatro dirixido a estudantes de IV Ciclo, unha actividade coa que se busca fomentar a creatividade, ademais de traballar a expresión corporal e vocal, e que tamén podería ser a base para a futura formación dun grupo de teatro entre as persoas do cuarto ciclo. A Aula de Teatro do campus de Lugo mantén nesta nova convocatoria a celebración dun obradoiro de iniciación á interpretación, dirixido a persoas que se achegan por vez primeira ao teatro, e dun taller de arte dramática, aberto á participación de persoas con algún tipo experiencia previa. Estes obradoiros, impartidos por Paloma Lugilde, recoñecidos cun crédito de libre configuración ou ECTS e nos que se ofertan 16 prazas en cada caso, desenvolveranse ao longo do mes de novembro. A compañía de teatro USC-Lugo, á que poderían sumarse as persoas interesadas que superen con éxito os obradoiros de iniciación á interpretación e arte dramática, ademais do Festival de Teatro Universitario, son outros dos reclamos que conserva un ano máis a Aula de Teatro da USC no campus lugués. Espazo de Danza O Espazo de Danza da USC, dirixido por Juan Carlos Zahera, mantén na súa programación para o campus de Lugo a celebración dun curso de danza contemporánea, estruturado en 80 horas de duración e que se desenvolverá de outubro a marzo, ademais de cursos de ritmos clásicos (vals e tango). Estes están encadrados no ciclo Baile na sociedade, que se prolongará do 25 de outubro ao 20 de decembro. A Compañía de danza universitaria Danza USC-Lugo, formada por compoñentes de anos anteriores e tamén aberta á incorporación de persoas que superen o curso de danza contemporánea, mantén tamén un ano máis o seu cometido como espazo de creación e investigación do movemento e composición coreográfica no ámbito na danza universitaria. Espazo de Fotografía O Espazo de Fotografía ofrece no campus de Lugo un taller fotográfico permanente ao longo de todo o curso 2013-2014 que se desenvolve en tres módulos, un de fotografía e dous de fotografía dixital.
O curso de fotografía, que se desenvolve do 15 de outubro ata o 5 de decembro de 2013 na Facultade de Veterinaria, estará impartido polo fotógrafo lugués Eduardo Ochoa, do Grupo Fonmiñá. O 9 de decembro comezará o primeiro módulo de fotografía dixital, que se prolongará ata o 18 de febreiro e será impartido por Fernando Gago. Este mesmo fotógrafo lugués tamén guiará do 25 de febreiro ao 29 de abril un módulo de fotografía dixital avanzado, que se desenvolverá na aula de informática-docencia da Facultade de Formación do Profesorado.