Ir o contido principal

A USC abre a inscrición nun obradoiro de arte dramática que se impartirá no campus de Lugo durante o segundo cuadrimestre

Interpretación teatral
Interpretación teatral
Xoán C. Laxe guiará as sesión programadas ao abeiro deste taller, aberto a público non universitario e para o que se ofrecen 14 prazas. A matrícula remata o 6 de febreiro

A Área de Cultura do campus de Lugo da USC vén de abrir o prazo de inscrición no obradoiro de arte dramática que guiará Xoán C. Laxe durante o segundo cuadrimestre na Aula de Teatro e Danza do campus lugués. O prazo de inscrición neste taller, dirixido a todos os membros da comunidade universitaria e a outras persoas interesadas en formarse neste ámbito, remata o 6 de febreiro.

Afondar na formación teatral a partir do coñecemento do corpo e da creación de materiais artísticos é o principal cometido deste obradoiro, para o que se ofrecen un total de 14 prazas. Os contidos do programa, estruturado en 45 horas, inclúen aspectos relacionados co adestramento do actor, traballo e presenza escénica, anatomía da voz, creación e procura de materiais, traballo de investigación e documentación, ademais de técnicas de grupo para a escoita e a concentración. As sesións formativas programadas comezarán a impartirse o 8 de febreiro e desenvolveranse os luns e mércores, en quenda de 19.15 a 20.45 horas, na Aula de Teatro e Danza situada na Facultade de Veterinaria, ata finais de maio. As persoas interesadas en formalizar a súa matrícula neste obradoiro de arte dramática poden inscribirse en quenda de mañá nas dependencias da Oficina de Cultura da USC no campus de Lugo, situadas na Vicerreitoría de Coordinación, ou a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). O prezo do curso é de 70 euros para membros da comunidade universitaria e 90 para o público xeral. O alumnado da USC que complete este obradoiro poderá solicitar o recoñecemento dun crédito académico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2017.