Ir o contido principal

A USC abre o prazo de presentación de candidaturas para o III Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego

Aula de Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
Aula de Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
A presentación de propostas finaliza o 30 de abril de 2020
Lugo, Santiago de Compostela

O Premio Luís Porteiro Garea recoñece publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade. O premio que chega xa á súa terceira edición, lembra a figura do profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego de que se ten constancia. A USC acaba de abrir o prazo para presentar propostas a esta convocatoria ata o 30 de abril de 2020.

As candidaturas poderán ser formuladas por calquera persoa, entidade ou colectivo. Tamén os membros do xurado poderán propoñer cadansúas candidaturas ata un máximo de tres. Cumprirá presentalas segundo o modelo que se pode descargar do web do Servizo de Normalización Lingüística a través do rexistro electrónico da USC e irán dirixidas ao devandito Servizo. 

O premio ten carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico que se lle entregará á persoa, entidade ou colectivo premiado nun acto protocolario, sen que leve aparellado ben económico ningún. En edicións anteriores, este premio distinguiu as figuras de Xosé Antonio Gómez Segade e Manuel Bermejo. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2020.