Ir o contido principal

A USC abre esta semana a campaña de verán das visitas guiadas ao seu patrimonio histórico

A USC editou folletos de apoio ás visitas en alemán, xaponés, galego, español e inglés
A USC editou folletos de apoio ás visitas en alemán, xaponés, galego, español e inglés

A Vicerreitoría de Cultura da USC, dentro do seu Plano de Conservación, Difusión e Posta en valor do Patrimonio Científico, Técnico, Histórico-artístico, Cultural e Paisaxístico que busca o achegamento da cultura universitaria coa posta en valor do seu patrimonio, abre esta semana a campaña de verán das visitas guiadas ao seu patrimonio histórico. O programa, que terá continuidade ao longo de todo o ano, presentárono hoxe en roda de prensa o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, a subdirectora xeral de Turismo, Pilar Morgade, e a coordinadora de Universidade Viva, Lanzada Calatayud.
O programa Universidade Viva, que dende os seus inicios recibiu 7.000 visitas cunha media anual de 2.500, ten como obxectivo achegar os tesouros artísticos da institución compostelá ao público en xeral e concienciar da importancia do patrimonio universitario coma un dos patrimonios histórico-artísticos máis relevantes da península. A través dunha visita guiada dunha hora e media aproximada de duración e da man de especialistas licenciados na USC, o visitante ten a posibilidade de percorrer os espazos máis emblemáticos da universidades que son fundamentais para entender a historia da Universidade de Santiago de Compostela, da cidade e de Galicia e coñecer, ao mesmo tempo, outros aspectos relevantes do presente universitario e recursos de extensión cultural da USC.
A campaña está apoiada polas Consellarías de Innovación e Industria e Cultura e Deportes a través das súas Direccións xerais de Turismo e Promoción Cultural, respectivamente. Así mesmo, está apoiada pola Concellaría de Relacións Veciñais, para facilitar aos veciños e veciñas de Santiago o achegamento ao seu patrimonio universitario (un dos obxectivos centrais do Programa), e a Empresa Municipal Turismo de Santiago INCOLSA, que continúa a colaborar coa USC nesta acción coas súas políticas de comercialización e promoción dos produtos culturais que engloban a oferta turística da cidade.
Novidades deste anoNesta edición do programa destaca o seu carácter estable ao longo de todo o ano, ademais de que as visitas van ter unha progresiva posta en valor de bens ata agora pouco accesibles. Do mesmo xeito, os horarios das rotas guiadas amplíanse a catro visitas diarias, de luns a sábado, dende o 4 de xuño ata o 29 de setembro, ás 10:00, 12:00, 16:30 e 19:00 horas.
As visitas ofertaranse orixinalmente en galego, portugués, español e inglés, mais existe a posibilidade de ofertalas en outras dúas linguas – italiano e francés – e en horarios fóra dos fixados, sempre que se fagan con previa reserva e un grupo mínimo de 15 persoas. Serán igualmente editados, ademais do texto e CD Guía do Patrimonio Histórico en galego, español e inglés, folletos de apoio ás visitas nas linguas antes citadas, en alemán e xaponés.
O prezo das entradas é de 7 euros para o público xeral e de 5 para a comunidade universitaria, existindo descontos para xente nova, xubilados e colectivos cidadáns. Os billetes poderán adquirirse en Unitenda e nun punto de venda no propio Claustro de Fonseca.
Acordo co Parador dos Reis CatólicosPor outra banda, a USC chegou a un acordo co Parador dos Reis Católicos para ofertar as visitas de Universidade Viva aos seus clientes xa que, segundo os resultados das enquisas de satisfacción realizadas aos visitantes durante todo o programa -altamente satisfactorios, cunha media de 8 sobre 10-, o perfil do visitante coincide co usuario do Parador.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2007.