Ir o contido principal

A USC acada dúas das catro novas agrupacións estratéxicas de I+D do SUG na última convocatoria da Xunta de Galicia

A USC acada dúas das catro novas agrupacións estratéxicas de I+D do SUG na última convocatoria da Xunta de Galicia
A USC acada dúas das catro novas agrupacións estratéxicas de I+D do SUG na última convocatoria da Xunta de Galicia
As novas agrupacións en Materiais (Aemat), creada no campus de Compostela, e en Biorrecursos (BioReDes), en Lugo, recibirán máis de 900.000 euros de financiamento

A USC acada dúas das catro novas agrupacións estratéxicas de I+D+i creadas no Sistema Universitario Galego (SUG) ao abeiro da última convocatoria da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia co obxectivo de dotar o SUG da capacidade de liderado, estabilidade e dimensión necesaria en liñas ou áreas de investigación a longo prazo, centradas en áreas prioritarias para Galicia, así como potenciar a integración e sinerxías dos proxectos científicos que se desenvolvan.

As novas estruturas supragrupais creadas na USC son a agrupación estratéxica en Materiais (Aemat), con sede en Compostela e que contará cunha axuda de 500.000 euros para coordinar, fomentar e contribuír a consolidar unha unidade de referencia en investigación en materiais avanzados e nanociencia, e a agrupación estratéxica, e a agrupación en Xestión e Produción Sostible de Biorrecursos (BioReDes), que percibirá máis de 405.000 euros para que os 16 grupos do Campus Terra da USC que a integran aborden, desde unha perspectiva sistémica e adaptada ás particularidades da contorna galega, os problemas e retos asociados á produción e xestión dos biorrecursos.

Ademais destas dúas novas agrupacións estratéxicas da USC, a Xunta de Galicia impulsa tamén a creación doutras dúas novas estruturas organizativas de investigación na UDC e na UVigo, como o son a agrupación de Enxeñería Civil e Edificación (Citeec), con sede na Coruña e financiada con 400.000 euros, e o Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus Auga (Citaca), localizada no ourensá Campus da Auga e beneficiara dunha achega de 424.000 euros.

A resolución que vén de publicar a Xunta no Diario Oficial de Galicia e a través da que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional achega máis de 3.275.000 euros para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do SUG, contempla tamén a revalidación de axudas para outras tres agrupacións estratéxicas creadas ao abeiro da convocatoria de 2015, unha terna entre as que se atopa a agrupación estratéxica Cross-Research in Environmental Technologies (Cretus), da USC.

Cretus, que acadou nesta quenda unha axuda de 600.000 euros, centra a súa actividade investigadora na concepción, desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sostibles, que minimicen impactos e riscos ambientais e que permitan recuperar recursos en procesos que sexan económica, social e ambientalmente sostibles. Neste momento está constituída por 8 grupos e aglutina a 157 investigadores que traballan nas áreas de xestión do ciclo da auga, ordenación e recuperación de solos, xestión e valorización de residuos e control da contaminación atmosférica.

Outras das estruturas organizativas de investigación operativas no SUG que tamén recibiron financiamento nesta convocatoria da Xunta de Galicia son Cica Inibic, nada na UDC para formalizar unha relación profesional entre os grupos das áreas de Química e Bioloxía e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), e Ecobas, da Universidade de Vigo e centrada no ámbito da economía da empresa. Estas dúas agrupacións estratéxicas recibirán achegas por un importe global de máis de 945.000 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2018.