Ir o contido principal

A USC acada o máximo recoñecemento no subprograma de I+D+i e Transferencia no marco do programa Campus de Excelencia Internacional

A USC acada o máximo recoñecemento no subprograma de I+D+i e Transferencia no marco do programa Campus de Excelencia Internacional
A USC acada o máximo recoñecemento no subprograma de I+D+i e Transferencia no marco do programa Campus de Excelencia Internacional
O Consello de Goberno foi informado en detalle do proxecto Campus Vida da USC

O Ministerio de Ciencia e Innovación resolveu na convocatoria complementaria do Programa Campus de Excelencia Internacional- correspondente ao Subprograma de I+D+i e Transferencia- concederlle á Universidade compostelá unha subvención de 4 millóns de euros. Deste xeito a de Santiago é, xunto coas Universidades Politécnica de Madrid e Autónoma de Barcelona, unha das tres que reciben a axuda máxima. Os detalles do programa e do proxecto Campus Vida da USC presentáronselle esta mañá aos membros do Consello de Goberno.
O Subprograma I+D+i e Transferencia do Programa de Campus de Excelencia Internacional promove a especialización das universidades en determinadas áreas científico-tecnolóxicas, apoiando especificamente a mellora substancial das actuacións en investigación e transferencia de tecnoloxía, como capacidades estratéxicas para desenvolver un Campus de Excelencia Internacional. Cunha dotación de 50 millóns de euros procedentes do Fondo especial del Estado para el Estímulo de la Economía y el Empleo, PlanE, só eran candidatas para recibir esta segunda subvención aquelas Universidades que previamente foran seleccionas como candidatas a Campus de Excelencia Internacional, caso da USC, ou que recibiran unha mención de calidade.
Coa axuda dos catro millóns de euros o Ministerio pretende que a USC, ao igual que os restantes 21 campus premiados dos 44 que se presentaron, incremente significativamente as súas capacidades científicas e tecnolóxicas.
Ciencias e Tecnoloxías da VidaA proposta da USC está orientada ás Ciencias e Tecnoloxías da Vida e formulada coa participación do Complexo Hospitalario (CHUS), os OPIs CSIC, CIEMAT e CESGA, e as empresas Esteve, Advancell, Nanogap, Neoker, Keramat, Mestre Lab, Galchimia, Zeltia, Almirall ou Inditex, cumpríndose así un dos obxectivos da convocatoria como era conseguir fraguar alianzas estratéxicas entre as propias universidades e empresas, organismos, institutos e centros de investigación, hospitais, centros tecnolóxicos e outras institucións.
Campus VidaO proxecto Campus Vida, co que a USC acadou o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional na primeira convocatoria do programa, supón un redeseño do campus máis emblemático, o Sur, que constituíu na primeira metade do pasado século a súa aposta máis clara para camiñar cara a unha universidade moderna e con impacto internacional.
Trátase dunha ambiciosa aposta, co horizonte en 2015, para converter á USC nun referente internacional no ámbito académico, tanto na docencia como na investigación, que rentabilizando a súas fortalezas nas ciencias e tecnoloxías da vida proxecta estratexicamente ao conxunto da Universidade.
O proxecto contempla a creación de novos centros docentes no ámbito das ciencias da saúde; unha Rede de Centros Singulares de Investigación; un ecosistema para a transferencia do coñecemento e a difusión da cultura emprendedora arredor do novo edificio Emprendia; así como a transformación urbanística, residencial, de integración urbana e de espazo natural, que suporá a recuperación dun campus para as persoas.
Integración co contornoEn concreto, Campus Vida representa a integración e interacción harmónica da universidade co contorno urbano da cidade compostelá, “coa intención, claramente evidenciada, de gañar en sustentabilidade e calidade de vida para quen traballe, estude ou simplemente visite o coñecido actualmente como Campus Sur”, engadiu o reitor.
Consello de GobernoA aprobación de novas titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior, os complementos retributivos autonómicos, as taxas das escolas deportivas para este curso, a modificación do Sistema de Garantía Interna de Calidade, o protocolo de videovixilancia da USC, o acordo de integración dos departamentos de Filoloxía Inglesa e Alemá ou a designación de membros da Comisión Interna de Avaliación do Profesorado (CIAP) do Programa Docentia, foron outros dos puntos abordados no Consello de Goberno deste mércores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2009.