Ir o contido principal

A USC achega I+D a Hispanoamérica para aumentar a produción sostible de cultivos e frear o cambio climático

Tomás Cuesta, segundo pola dereita, con investigadores de Ecuador, Guatemala e Colombia, na EPS de Enxeñaría
Tomás Cuesta, segundo pola dereita, con investigadores de Ecuador, Guatemala e Colombia, na EPS de Enxeñaría
Investigadores Colombia, Ecuador e Guatemala implicados no programa de doutoramento Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento, que coordina o catedrático da USC Agustín Merino, buscan no Campus Terra da USC solucións para incrementar a produción agroalimentaria no seu territorio e frear o cambio climático
Lugo

Investigadores de universidades hispanoamericanas de Colombia, Ecuador e Guatemala implicados no programa de doutoramento internacional Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento, un programa coordinado polo catedrático da USC Agustín Merino García, buscan no Campus Terra da USC solucións científicas e técnicas para incrementar a produción sustentable de cultivos agrícolas nos seus territorios sen acelerar os efectos do cambio climático.

A delegación académica iberoamericana, formada polos investigadores da Escola Politécnica Superior de Chiomborazo (Espoch) de Ecuador Magdy Echeverría e Andrés Beltrán, así como pola tamén docente na Universidade dos Andes Attila Lenti, e polas investigadoras do Centro de Estudos do Mar e da Acuicultura (CEMA) da Universidade San Carlos de Guatemala Irene Franco e Karla Paz, aproveitaron a estadía realizada no Campus de Lugo cunha bolsa Erasmus KA 1007 para intensificar a implicación das súas respectivas institucións académicas no doutoramento internacional en Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento, pero tamén para abordar novas liñas de investigación acaídas para resolver problemáticas medioambientais propias dos seus países.

A protección dos solos do altiplano, un dos ecosistemas do planeta, xunto cos bosques da Amazonía, que máis carbono acumula, neste caso en forma de materia orgánica, e a posta en valor deste recurso como ferramenta para loitar contra o cambio climático, foi unha das liñas de traballo abertas pola investigadora ecuatoriana Magdy Echeverría, quen acadou o compromiso de investigadores do Campus de Lugo da USC para colaborar en estudos orientados a cuantificar o carbono presente nestas altas superficies.

As inquedanzas investigadoras expostas pola delegación colombiana aos investigadores do Campus de Lugo atinxen ao estudo e desenvolvemento de alternativas que garantan cando non incrementen a produción de cultivos agrícolas como o café ou o cacao sen necesidade de poñer en marcha explotacións intensivas que acentúen a destrución de biomasa forestal. Neste caso, as propostas recibidas dos investigadores da USC apuntan cara sistemas agroforestais que posibiliten o cultivo en sombra tanto de café como de cacao.

As liñas de traballo propostas polas investigadoras do Centro de Estudos do Mar e da Acuicultrua (Cema) da Universidade de San Carlos de Guatemala están máis ligadas co ámbito da acuicultura e de feito, Irene Franco e Karla Paz, acompañadas da coordinadora do doutoramento en Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento na Facultade de Veterinaria, Cristina Castillo, mantiveron tamén diversas reunións de traballo coa tamén docente e investigadora na Facultade de Veterinaria Maribel Quiroga.

Alén de intercambiar información e estreitar a relación entre investigadores dun e doutro lado do Atlántico, a presenza desta delegación científica hispanoamericana permitiu avaliar novas posibilidades de produción e potencial subministro de materias primas na actual conxuntura bélica que se está a rexistrar en Europa por mor da guerra en Ucraína.

Xoranda de intercambio científico celebrada na EPS de Enxeñaría
Xoranda de intercambio científico celebrada na EPS de Enxeñaría
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2022.