A USC acolle o quinto Encontro Internacional de Profesores e Estudantes de Catalán no Exterior
Estudantes e profesores de catalán de universidades de todo o mundo daranse cita esta semana na USC para celebrar o seu quinto encontro internacional. Esta actividade ten o obxectivo de promover o intercambio presencial entre docentes e discentes de lingua, literatura e cultura catalás da Rede de Universidades Ramon Llull, formada por máis de 150 universidades e da que forma parte a compostelá.
A cita comezará este martes 4 ás 16.30 horas na Facultade de Filoloxía cun acto inaugural ao que lle seguirá unha mesa redonda sobre normalización cos directores de política lingüística dos territorios de lingua catalá (Generalitat de Catalunya, Govern Balear e Comunitat Valenciana).
A Área de Filoloxía Catalá da USC, integrada dentro do Departamento de Filoloxía Galega, propuxo organizar este 5º TIPECE, sendo a primeira vez que ten lugar na Península Ibérica (as anteriores edicións foron en Hungría, Rusia, Alemañana e Italia). Tendo o eixe do Camiño como contacto e diálogo entre culturas, os participantes terán a oportunidade tanto de intercambiar experiencias e coñecementos sobre a cultura catalá como de coñecer e de facer unha inmersión directa na cultura galega. O programa prevén actividades académicas (conferencias, talleres e mesas redondas) e lúdico culturais (visitas pola cidade e o entorno, excursións, exposicións, etc.).
Haberá ademais unha exposición na Biblioteca da Facultade de Filoloxía con obras de autores galegos traducidos ao catalán, cedidos polos propios escritores, iniciativa que partiu e contou coa axuda de Suso de Toro.