Ir o contido principal

A USC acollerá en setembro o XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica

O congreso desenvolverase na Facultade de Química
O congreso desenvolverase na Facultade de Química
O prazo de presentación de abstracts permanece aberto ata o 24 de maio

A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024).

O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).

O obxectivo principal desta conferencia é promover o desenvolvemento e o novo coñecemento sobre conceptos de química analítica aplicados a nanociencia e nanotecnoloxía. Para iso, trataranse temas concretos relacionados con nano(bio)sensores; nanomateriais para a preparación de mostras; nanometroloxía analítica; detección, caracterización e cuantificación de nanomateriais; estratexias analíticas aplicadas que involucran nanomateriais e outras aplicacións nanotecnolóxicas e nanosistemas miniaturizados.

Previo ao congreso internacional, na mañá do 3 de setembro desenvolverase un curso relacionado con diferentes aspectos do campo. Ademais, está prevista a publicación en Microchimica Acta dunha colección temática con achegas seleccionadas do XI NyNA 2024 e haberá premios a pósters e comunicacións orais de diferentes revistas e empresas.

O comité organizador local está presidido pola profesora Pilar Bermejo, sendo vicepresidente Antonio Moreda e secretaria Elena Peña. O prazo de inscrición está aberto (ata o 24 de xuño a prezo reducido) e pódese xa enviar resumos, con data límite o 24 de maio de 2024.

 

Cartaz do encontro
Cartaz do encontro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2024.