A USC adecuará os perfís, a estrutura e as competencias do seu persoal técnico e de servizos ás novas demandas sociais
O Consello de Goberno aprobou este venres 26 o Plan do Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PETXAS), que busca adecuar a estrutura, os perfís profesionais e as competencias deste persoal ás novas demandas sociais, condicionadas polos avances tecnolóxicos das últimas décadas, nomeadamente o impacto provocado pola implantación da administración electrónica e os servizos dixitais, pero sobre todo polo cambio na demanda cidadá en relación cos servizos públicos, “dos que se espera eficacia pero non menos eficiencia”.
A proposta de PETXAS obtivo a aprobación do Consello de Goberno logo dun proceso previo de negociación coas organizacións de representación do cadro de persoal da institución que callou nun acordo asinado a comezos de abril na Mesa Xeral do Persoal de Administración e Servizos. O desenvolvemento do Plan pretende racionalizar e modernizar a estrutura deste colectivo, adaptando a xestión dos recursos humanos ás necesidades da institución e preparalo para ser “un axente activo e dinamizador no proceso de cambios que se van producir no xeito de proporcionarlle servizos á cidadanía en xeral e, particularmente, ao estudantado”.
O desenvolvemento desta liña de acción, como especifica o documento, suporá enfrontar a remuda xeracional do persoal, a necesidade de definir novos perfís de postos de traballo, o emprego de aprendizaxe permanente como un xeito de adaptar os recursos humanos existentes ás novas necesidades, a extensión da dixitalización e de sistemas híbridos de traballo e a implantación paulatina da automatización de procesos e a IA, así como a busca do desempeño eficiente e da excelencia da función pública.
Cátedra Carvalho Calero
Na mesma sesión aprobouse a creación da Cátedra Carvalho Calero, que abordará a figura, o pensamento e a obra dun representante “sobranceiro da cultura galeguista contemporánea e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC” Entre os seus cometidos estarán a promoción e o estudo da literatura galega contemporánea, en continuidade das directrices do seu patrocinador intelectual, “potenciando así o interese pola lectura e a escritura en galego, apoiando a nova creación, e estando atenta á análise das ideas sobre a Literatura e Cultura actuais, co desenvolvemento de modelos de innovación en educación, investigación e divulgación científica e cultural”.A decisión enmárcase no obxectivo da USC de crear cátedras institucionais que estuden a obra académica de ilustres autores da literatura galega, tal e como xa sucedeu coa recente creación das dedicadas a Rosalía de Castro e Castelao.
Política de Seguridade da Información
O Consello de Goberno tamén aprobou unha nova versión do documento ‘Política de Seguridade da Información’ logo da súa actualización ao disposto no Real Decreto 311/2022 polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade. A USC define a súa Política de Seguridade da Información, de carácter obrigatorio para toda a comunidade universitaria e empresas colaboradoras, tendo como obxectivo fundamental garantir a seguridade da información e a prestación continuada dos servizos que proporciona. Neste senso, o documento baséase na consideración da información como un activo estratéxico para a USC e, dende esta perspectiva “debe ser adecuadamente protexida, sexa cal for a forma na que estea representada, almacenada ou sexa procesada”, recolle o documento.
Honoris Causa
O Consello de Goberno aprobou tamén as propostas de nomeamento como doutores honoris causa da profesora María Teresa Soler Roch, a iniciativa do Departamento de Dereito Público Especial e da Empresa, e do profesor Duarte Nuno Vieira, proposto polo Departamento de Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Obstetricia e Xinecoloxía e Pediatría, e designar como padriños os docentes César García Nóvoa e Ángel Carracedo Álvarez, respectivamente
María Teresa Soler Roch foi a primeira muller en desenvolver unha sólida traxectoria docente e investigadora no eido do Dereito Financeiro e Tributarioe foi tamén a primeira muller de España que accede, en 1980, á condición de profesora axudante de Dereito Financeiro e Tributario, na Universidade de Valencia. Considerada como un dos referentes doutrinais do Dereito Tributario en España e Europa, de Soler destacan as súas primeiras investigacións, absolutamente pioneiras, sobre a relación dos incentivos fiscais coa xustiza, a igualdade e a libre competencia, precursoras do enfoque que posteriormente consolidaría o Dereito da Unión Europea. Co profesorado de dereito financeiro e tributario da USC mantén unha forte vinculación, que se materializa na participación en actividades formativas e de investigación así como en tribunais e comisións de distinta natureza.
Pola súa banda, o profesor Duarte Nuno Vieira é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Coimbra e presidente da Academia Nacional de Medicina de Portugal, do European Council of Legal Medicine, do Comité Asesor do Tribunal Penal Internacional e do Comité Científico da Academia Internacional de Medicina Legal, que tamén presidiu. É unha referencia mundial en valoración do dano corporal e patoloxía forense e aspectos humanitarios da Medicina legal e mantén e mantivo unha moi estreita colaboración co actualmente denominado Instituto de Ciencias Forenses da USC (antes Instituto de Medicina Legal) dende os tempos que o dirixía o catedrático Luis Concheiro. Non en van, o profesor da USC foi un dos formadores do profesor Vieira na institución compostelá.
Persoal docente e investigador
En materia de PDI, acordouse a contratación de novo profesorado emérito así como a prórroga de contratos a outros oito docentes que xa exercían como tal, ademais de aprobar propoñer o nomeamento de catro docentes e persoal investigador ad honorem e a prórroga de nove máis.
Na xuntanza deuse tamén o visto bo ao acordo polo que, por razón de especial interese para a Universidade, se limita a concorrencia no acceso ás prazas de profesorado asociado de Ciencias Veterinarias do Campus de Lugo ao persoal facultativo que estea prestando servizos no Hospital Veterinario Universitario da Fundación Rof Codina.
A prórroga dun contrato de profesorado asociado de ciencias da saúde (PACS), a concesión de dez licencias por permiso sabático para o curso 2024-25 e a composición da comisión de selección dunha praza de profesorado axudante doutor da área de Optometría foron os outros asuntos tratados na sesión de hoxe nesta materia.
Outros asuntos
Na sesión deste venres deuse tamén o visto bo a unha modificación substancial da memoria do mestrado NUTRENVIGEN-G+D Factors, aos parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG no curso 2025-2026, aos premios extraordinarios de doutoramento do curso 2021-22 e ao acordo de adscrición da Estación Biolóxica do Courel ao Ibader.
Ademais, no Consello de Goberno analizouse o documento do novo regulamento dos estudos de doutoramento da USC e acordouse que volva ao órgano na próxima reunión para solventar cuestións relacionadas coa linguaxe inclusiva e o réxime transitorio, entre outras.
A aprobación da modificación dos regulamentos da Rede de Estacións Biolóxicas da USC e de Réxime Interno da ETSE, da Normativa de matrícula, elaboración e defensa de TFG do Grao en Veterinaria, de cursos e de memorias de estudos propios e da RPT de PTXAS foron o resto de acordos tomados na sesión deste venres.