Ir o contido principal

A USC afianza a súa aposta polas TIC en todos os ámbitos da actividade universitaria

Presentados os datos da sexta enquisa sobre o uso que os estudantes da USC fan das TIC

O 87 por cento dos estudantes da USC dispón de ordenador propio, cunha taxa de acceso a internet do 94% e un uso da rede intensivo, xa que máis de oito de cada dez navegan diariamente pola rede; preto de catro millóns de visitas anuais á web institucional; máis de 190.000 mensaxes SMS enviados aos universitarios; un 85% dos estudantes matriculados por Internet; ou máis de 13.000 usuarios da rede sen fíos. Son algúns dos principais datos que describen o labor desenvolvido na institución académica compostelá a prol do desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
O reitor Senén Barro, acompañado do director da Área TIC da USC, Javier Franco, presentaron estas cifras nunha rolda de prensa na que deron conta dos resultados dunha enquisa realizada a comezos de curso entre o alumnado universitario. Nesta sesión tamén participaron representantes das empresas colaboradoras na realización da sondaxe, como son Universia, Vodafone, Micromedia e Mercado Actual, entre eles Gerardo Lodeiro e Juan José de Santiago, da operadora de telecomunicacións e Fernando Pablos, director de Micromedia.
A enquisa permite comprobar en que medida se están a cumprir as liñas estratéxicas que a USC fixou en materia de TIC ao tempo que se converte nun instrumento de seguimento e control das accións que neste eido se realizan orientadas ao alumnado. Os algo máis de 1.300 estudantes consultados foron interrogados sobre equipamento e conectividade, usos de Internet, telefonía móbil, redes e servizos, coñecementos e formación dos alumnos ou sobre a percepción que teñen das TIC, entre outras cuestións.
A primeira wi-fi por número de usuarios A rede sen fíos da USC ten actualmente máis de 13.000 usuarios, conformándose como a primeira rede galega deste tipo e unhas das primeiras no ámbito nacional, tanto por usuarios como por conexións, capítulo no que a rede universitaria rexistra picos de 850 usuarios simultáneos.
ServizosO Campus ou a Secretaría virtual, navegación e correo ou acceso a recursos da rede de bibliotecas, son algúns dos servizos con maior uso entre os universitarios. Neste senso, a automatrícula por internet foi a alternativa escollida polo 85 por cento dos estudantes, dos que oito de cada dez son usuarios do Campus Virtual da USC, onde teñen acceso a 1.232 aulas activas, cun crecemento do 286 por cento nos últimos catro anos no apartado de materias de 1º e 2º Ciclo.
Outro servizos en constante crecemento dende a súa posta en funcionamento é o de envío de mensaxes SMS a estudantes con información institucional ou cualificacións provisionais. Durante 2009 enviáronse 193.921 resultados de actas provisionais, aos que é preciso sumar os relativos a avisos de actividades culturais ou institucionais.
No capítulo dos servizos, un de cada dous estudantes demanda poder desenvolver a tramitación e xestión administrativa a través de Internet, para o que a USC, indicou Senén Barro, atópase inmersa nun “ambicioso proxecto de e-administración”, con múltiples proxectos en marcha (campañas de difusión e uso do e-DNI, portal do empregado, actas electrónicas) e outros en proceso, como a instalación dunha plataforma avanzada de sinatura electrónica ou certificados dixitais para os empregados públicos.
En conxunto, e segundo os datos da USC, o estudantado posúe unha percepción normal ou boa desta oferta de servizos TIC da USC, o que representaría un incremento de 12 puntos con respecto a 2007.
Web institucionalBo deseño e accesibilidade, así como a cantidade de contidos dispoñibles, son os aspectos mellor valorados da páxina web institucional da USC, capítulos nos que a enquisa rexistra un incremento de once puntos no período 2005-2009. Como indicou o reitor, a USC é a segunda universidade española por páxinas indexadas en Google, quen ademais lle outorga un PageRank de 8, recibindo preto de catro millóns de visitantes anualmente. Neste senso, o reitor adiantou que a páxina incorporará nun futuro inmediato, para o vindeiro mes, novas funcionalidades e un redeseño da súa aparencia.
Segundo se desprende da consulta realizada aos estudantes, un 63 por cento solicita a presenza no web institucional de contidos multimedia, demanda que se vai atender co lanzamento dunha mediateca dixital e dunha canle web-tv, onde se teña acceso ao material multimedia producido pola USC.
Código AbertoNa rolda de prensa, o reitor quixo salientar o esforzo da institución a prol da difusión e utilización do software de fontes abertas, coa creación en 2009 dunha Oficina de Software Libre que acadou nese mesmo ano o recoñecemento das Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) que lle concederon o seu premio ao mellor proxecto galego neste ámbito.
A modo de valoración global, Senén Barro sinalou ademais que as universidades están obrigadas a seguir esforzarse e progresando no ámbito das TIC, “como amosa o feito de que un 63 por cento dos consultados o considere un factor importante á hora de elixir a universidades”. Engadiu o reitor que “os estudantes non só esixen unha boa formación sectorial, senón tamén medios e formación nas tecnoloxías e servizos de rede”.
Entrega de premiosNo mesmo acto fíxose entrega de dous ordenadores netbook Aspire One D250, un e-book Papyre 5.1 e cinco teléfonos móbiles HTC Touch Diamon aos agraciados no sorteo realizado entre os estudantes que responderon á enquisa.
Os dous ordenadores foron para Nuria Abalde e Tamara López, mentres que o e-book recaeu en Laura Novio. Finalmente, os agraciados con cinco móbiles foron Marlene Vila, Susana García Calaz, Noelia Paz, Martín Gómez e Alejandro Barreiro.
Os principais indicadores da enquisa pódense consultar no espazo web da Área TIC no apartado relativo a ‘Enquisas sobre o uso das TIC aos alumnos da USC’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2010.