A USC afianza a súa aposta polas TIC en todos os ámbitos da actividade universitaria

Oito de cada dez alumnos matriculados por Internet, preto de 24.000 subscritos ao servizo de información por SMS, preto de catro millóns e medio de visitantes distintos á paxina web da USC e unha media de 300 usuarios da rede sen fíos en todo momento son algúns dos indicadores que poñen de manifesto o labor desenvolvido na institución académica compostelá a prol do desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
Esta panorámica debúxase cos datos da quinta enquisa sobre o uso que os estudantes da USC fan das TIC, presentados este xoves polo reitor compostelán, Senén Barro, ao que acompañaron o director da Área TIC, Javier Franco, e o coordinador do Plan Estratéxico das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, Luis Coladas.
A enquisa permite comprobar en que medida se están a cumprir as liñas estratéxicas que a USC fixou en materia de TIC ao tempo que se converte nun instrumento de seguimento e control das accións que neste eido se realizan orientadas ao alumnado. Os algo máis de 1.700 estudantes consultados foron interrogados sobre equipamento e conectividade, usos de Internet, telefonía móbil, redes e servizos, coñecementos e formación dos alumnos ou sobre a percepción que teñen das TIC, entre outras cuestións.
A primeira wi-fi por número de usuarios A rede sen fíos da USC, logo de cinco anos de funcionamento, segue a ser a primeira rede galega deste tipo por número de usuarios, preto de 6.500, e unha das primeiras estatais. Esta vía de acceso á rede rexistra 300 conexións simultáneas de media en todo momento con picos de 700.
ServizosMellorar o nivel de seguridade así como da calidade do servizo foron os obxectivos que se perseguían coa actualización realizada o pasado ano na rede sen fíos. Xunto á mellora da infraestrutura, a USC rexistrou en 2008 un incremento en todos os servizos TIC, fundamentalmente en navegación, correo e na secretaria e campus virtual.
A este respecto, practicamente oito de cada dez estudantes consultados consideran como boa ou normal a valoración xeral dos servizos TIC que reciben da Universidade de Santiago, cun incremento de dez puntos no caso da máxima valoración.
A evolución destas tecnoloxías en canto a melloras na conectividade ou nos servizos discorre paralela á evolución do perfil tecnolóxico dos propios estudantes, cuxos coñecementos xerais de informática teñen mudado nos últimos catro anos de maneira constante, afianzándose aqueles que afirman posuír coñecementos medios ou avanzados fronte aos nulos ou baixos.
A importancia das TIC para a inserción no mercado de traballo galego segue a ser valorada como imprescindible ou importante en case seis de cada dez estudantes da USC, aos que se suma o 43 por cento dos que valoran estas tecnoloxías como criterio para elixir universidade de destino.
Web institucionalDentro do abano de ferramentas tecnolóxicas da USC, a súa web institucional recibe unha boa acollida por parte dos estudantes que resaltan o seu deseño e accesibilidade (43%), cantidade de contidos dispoñibles (35%) e a facilidade de acceso á información de interese (32%).
O portal institucional da Universidade de Santiago é o segundo entre as universidades españolas con máis páxinas indexadas por Google, preto de tres millóns, acadando un nivel oito no Google PageRank. Ademais, a páxina compostelá é a única das universidades galegas con cero erros de tipo 1, 2 e 3 na análise automática da portada do seu sitio web institucional.
Código AbertoA USC puxo en marcha nos últimos meses do pasado ano a súa propia oficina de software libre co obxectivo de dotar á comunidade universitaria de ferramentas e contidos libres, interporalidade e neutralidade tecnolóxica.
Neste senso, atópase en pleno proceso de expansión do xestor de contidos OpenCms, implantado en 2008, e que permite a descentralización da edición de páxinas, facilitando o seu uso por parte dos editores e mellorando a calidade da información.
Entrega de premiosNo mesmo acto fíxose entrega de dous ordenadores portátiles e cinco teléfonos móbiles de última xeración aos agraciados no sorteo realizado entre os estudantes que responderon á enquisa. Nesta entrega, Senén Barro e Javier Franco estiveron acompañados de Gerardo Lodeiro García, de Vodafone, que xunto con Universia e a Fundación Caixa Galicia son as empresas que colaboraron no sorteo.
Os portátiles recaeron en Xosé L. Vázquez Somoza e Miriam Fernández Vázquez, mentres que os agraciados cos móbiles foron Tania Santiago Nieto, Olalla Vázquez Cancela, Esther Paula Fernández Fernández, Tania Delgado Anta e Cristina Iglesias Suárez.