A USC amosa as oportunidades da lingua para a ciencia e o emprendemento a través do programa ‘Proxéctate en galego’

A Universidade de Santiago de Compostela amosa as oportunidades e posibilidades que ofrece a lingua galega para a actividade académica, a ciencia e o emprendemento, a través do foro ‘ Proxéctate en galego’, un programa promovido polas comisións de normalización lingüística do campus de Lugo en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo que se desenvolverá do 18 ao 20 de outubro no auditorio da Casa do Saber.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a profesora e integrante da comisión de normalización lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo, Mar Pérez Fra, destacaron este luns, no acto de presentación deste proxecto de dinamización e promoción lingüística dirixido a universitarios pero aberto á participación de toda a cidadanía, que o galego non constitúe ningunha barreira no mundo académico nin profesional. O foro Proxéctate en galego 2013 está estruturado en diversos relatorios e táboas redondas, nas que distintos relatores abordarán o uso do galego no tempo de lecer, as actitudes lingüísticas da poboación fronte á lingua ou o poder do consumidor para cambiar o mundo á hora de facer a compra. As distintas sesións programadas neste foro rematarán o domingo 20 de outubro cunha visita guiada á torre fortaleza de San Paio de Narla, no concello de Friol, onde se desenvolverán un relatorio e unha táboa redonda sobre o patrimonio cultural. A Universidade de Santiago mantén aberto ata o xoves, día 17 de outubro, o prazo de inscrición na segunda edición do programa ‘Proxéctate en galego’, cuxos promotores teñen solicitado o o recoñecemento dun crédito de competencias transversais para os graos da Universidade de Santiago. O custe da inscrición, que pode formalizarse a través do enderezo web http://www.usc.es/gl/proxectos/proxectate, é de cinco euros. O prezo inclúe ademais da expedición do diploma de asistencia á actividade, que se desenvolverá ao longo de 16 horas presenciais, os gastos de desprazamento á fortaleza de San Paio de Narla para os 60 primeiros matriculados. Programa e obxectivos ‘Proxéctate en galego 2013’ é un foro promovido pola USC e dirixido aos membros da comunidade universitaria, pero aberto tamén a todas as persoas interesadas en participar dunha iniciativa que pretende descubrir como o galego, ademais dunha lingua viva e dinámica, non supón ningunha barreira no mundo académico nin profesional, senón unha oportunidade. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, o deputado provincial delegado das áreas de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, e a coordinadora da comisión de normalización lingüística da Facultade de Veteerinaria, Marta López Alonso, inaugurarán a segunda edición de ‘Proxéctate en galego’ o venres 18, a partir das 16.30 horas, no auditorio da Casa do Saber. Unha táboa redonda sobre o galego nos tempos de lecer, na que intervirán como relatores Ana García Liñares, de Argallando educación e tempo libre; Paco Veiga García, da Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional; o promotor de Galeoke e outros proxectos TIC, Xabier Seixo, e a música e compositora María Xosé Silvar ‘Sés’, abrirá as sesións do foro, logo do acto de presentación. O programa do venres inclúe tamén a presentación do novo espazo web de Proxéctate en galego, ademais dunha actuación musical de Sés, que estará acompañada de Tito Calviño. Un relatorios sobre as actitudes lingüísticas da poboación galega, a cargo de Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, abrirá, a partir das 10.00 horas, a segunda xornada deste foro, que inclúe, en quenda de mañá, a táboa redonda ‘As galegas e os galegos diante da lingua’, que será moderada por Carmen Blanco e na que intervirán tres profesores de ensino secundario. O programa do sábado continuará en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, co relatorio ‘ Lingua galega e alternativas sustentables de produción, distribución e consumo de alimentos e outros produtos’, a cargo de Miguel Pardellas Santiago, da Sociedade Galega de Educación Ambiental. Unha táboa redonda sobre consumo consciente de bens e servizos, na que intervirán Noa Estévez, da cooperativa de consumo Eirado; Marta Pérez Freire, de A Cova da Terra, e Xabier Gómez Santiso, de Fiare-Galiza banca ética, servirá de peche á xornada. ‘Proxéctate en galego 2013’ chegará ao seu fin o domingo cunha visita guiada ao museo fortaleza de San Paio de Narla. Logo de facer un percorrido polas instalacións, o profesor da USC Manuel Gago falará sobre o patrimonio cultural como ferramenta de vertebración e empoderamento das comunidades locais en Galicia. Ao seu remate, José María Carricoba e Blanca Castro, autores do blog Friol, algo máis que pan e queixo, intervirán nunha táboa redonda sobre o patrimonio por descubrir.