Ir o contido principal

A USC amosa a súa oferta académica e de servizos no Campus Terra a estudantes de ensino medio nunha xornada de achegamento

Bueno e López, con estudantes preuniversitarios no auditorio da Facultade de Veterinaria
Bueno e López, con estudantes preuniversitarios no auditorio da Facultade de Veterinaria
Uns 300 alumnos de secundaria de oito centros de ensino da provincia visitan a sede universitaria luguesa a través do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’

Uns 300 estudantes de ensino medio procedentes de distintos centros educativos da provincia de Lugo (IES do Camiño, de Palas de Rei; IES Marques de Sargadelos, de Cervo; CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla; CPI Tino Grandío, de Guntín; IES Monte Castelo, de Burela; IES da Terra Chá, de Castro de Rei; IES Xoán Montes, de Lugo, e CPI Ramón Piñeiro, de Láncara) visitaron este venres os distintos centros universitarios de Campus Terra da USC, a través do programa Encontros no campus de Lugo, unha xornada orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos na sede universitaria luguesa a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde Bueno e López, fixeron unha presentación xenérica do campus de Lugo da USC, antes de que varios estudantes universitarios ofreceran aos asistentes a súas particulares visións do campus de Lugo e relataran algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

Bueno destacou na súa intervención as múltiples oportunidades e as vantaxes que ofrece ao estudantado o Campus Terra da USC, a cuarta sede universitaria galega cunha maior taxa de alumnado internacional, o que constitúe unha “convivencia enriquecedora”. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo apuntou tamén algún dos obxectivos que pretende a USC para a súa sede luguesa a través do proxecto de especialización Campus Terra, ao tempo que destacou o selo de calidade que implican os títulos universitarios expedidos pola USC, unha universidade que esixe a todos os graduados e graduadas acadar o certificado B1 de competencias en calquera das linguas da UE distinta do español para superar con éxito a súa correspondente titulación universitaria. Unha vez rematada esta sesión, os escolares, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros. O obxectivo desta xornada, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno, pero aínda moi pouco coñecido”, dixo. O coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo adiantou asemade que a sede universitaria luguesa celebrará a comezos de abril outra xornada de achegamento ao estudantado preuniversitario na que se agarda a participación doutros doutros 200 alumnos/as de ensino medio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2016.