Ir o contido principal

A USC amplía ata o 11 de abril o período de apertura da exposición Cartaces de Cine de Checoslovaquia, 1960-1989

A Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela acaba de ampliar o período de apertura da mostra Cartaces de Cine de Checoslovaquia, 1960-1989, producida polo Centro Checo Madrid coa colaboración do Centro de Linguas Modernas da USC e da Galería Terryho Ponožky.
A exposición, que se poderá visitar na Biblioteca Universitaria Concepción Arenal e na Facultade de Ciencias da Comunicaciónata o venres 11 de abril, recolle os carteis das mellores películas checas entre 1960 e 1989, xunto aos de cintas españolas presentadas nesa República naquela época.
Escola checa de carteis de cineOs artistas checos conseguiron desenvolver estilos peculiares, achegando propostas innovadoras no cine e moitas veces comprometidas que alcanzaron unha merecida reputación artística e creativa. A partir dos anos 60 defínese un “estilo checoslovaco” que vai dar lugar a unha auténtica Escola Checoslovaca de Carteis de Cine.
A exposición inclúe representativos exemplos desta Escola que vai ter unha significativa influencia en diferentes países, á vez que exhibe traballos sorprendentes de carteis de películas estranxeiras exhibidas en Checoslovaquia, entre elas varias españolas como Carmen e Viridiana.
Os 82 carteis orixinais que se expoñen na USC pertencen á colección de carteis de cine da Galería Cinematográfica Terryho Ponožky (Os Calcetíns de Terry), que forma parte das actividades dos máis importantes cines de arte de Praga como son Aero e Svìtozor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2008.