Ir o contido principal

A USC amplía ata o 25 a inscrición nos cursos de iniciación á arte dramática e de teatro para o ensino programados en Lugo

A Área de Cultura da USC, dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, amplía ata o 25 de outubro o prazo de inscrición no obradoiro de iniciación ao teatro e no monográfico ‘Teatro para enriquecer o ensino: Curso de interpretación para profesores’, programados para desenvolver este curso na sede universitaria luguesa.

Os obxectivos deste taller, que será impartido por Xoán C. Laxe, pasan por explorar as potencialidades expresivas do teatro, a través do traballo co corpo e a voz. Crear materiais dramáticos a partir das experiencias e dos intereses dos participantes, e facer postas en escena sinxelas tomando como base os materiais creados, constitúen outros dos cometidos dunha actividade formativa, que se desenvolverá os mércores, en quenda de tarde, de 20.00 a 22.30 horas, na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria de Lugo, e coa que se busca favorecer a afección polo teatro.

A Oficina de Cultura do campus de Lugo informa asemade que aínda permanece aberto o prazo para de inscrición no monográfico formativo ‘Teatro para enriquecer o ensino: Curso de interpretación para profesores’, unha actividade impartida por Teatro do Miolo e que se desenvolverá os xoves en quenda de tarde, de 16.00 a 18.00 horas, na Aula de Cultura de Veterinaria.

O programa de encontros para a creación a partir do silencio e a escoita ‘Escoitando-escoitarte’, un monográfico dirixido a xente da escena e a xente que queira encontrar o seu potencial creador, comezará a súas sesións formativas o domingo 22 de outubro. A matrícula neste programa, impartido por José Campanari, aínda está aberta.

As persoas interesadas en participar en calquera da actividades teatrais ofertadas pola Aula de Teatro da USC no Campus Terra poden obter información máis detallada respecto de prezos, prazos e lugar de inscrición, así como de horarios ou obxectivos de cada unha das actividades na web da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2017.