Ir o contido principal

A USC amplía ata o 4 de setembro o prazo para presentar solicitudes ao programa ‘Acelerador de Transferencia’ da AVTE

Guía da edición de 2017 do programa 'Acelerador de Transferencia' da USC
Guía da edición de 2017 do programa 'Acelerador de Transferencia' da USC
É unha iniciativa que apoia a maduración de resultados de grupos de investigación de calquera área para a súa transferencia á contorna social e económica

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, un servizo dependente da Vicerreitoría de Innovación e Innovación, amplía ata o 4 de setembro o prazo de presentación de solicitudes á nova edición do programa ‘ Acelerador de Transferencia’, unha iniciativa que ten como obxectivo facilitar a transferencia de resultados de investigación xerados polos grupos de investigación da USC ao mercado.

O cometido do ‘Acelerador de Transferencia’ pasa por avanzar no no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia á contorna social e económica seguindo a práctica doutros referentes nacionais e internacionais. Trátase dun programa aberto á participación dos grupos de investigación de todas as áreas de coñecemento que teñan identificado algún resultado de investigación con potencial de transferencia.

Terán máis posibilidade de ser elixibles polo Acelerador de Transferencia aqueles proxectos que identifiquen claramente a fenda existente entre un resultados investigador e o seu mercado potencial; os que garantan un cambio de estado co desenvolvemento do proxecto; e aqueles que teñan o compromiso dunha empresa para que, no caso de acadar resultados satisfactorios , continúe co proceso de desenvolvemento do produto e/ou de comercialización.

Os proxectos elixidos contarán dende o primeiro momento co asesoramento de persoal técnico da AVTE, ademais de ter acceso a financiamento (entre 10.000 e 40.000 euros). A duración dos proxectos será de entre tres e nove meses.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2017.