Ir o contido principal

A USC amplía a oferta de mestrados no campus de Lugo para o curso 2019-20 con títulos que abranguen todas as ramas do saber

A USC amplía a oferta de mestrados no campus de Lugo para o curso 2019-20 con títulos que abranguen todas as ramas do saber
A USC amplía a oferta de mestrados no campus de Lugo para o curso 2019-20 con títulos que abranguen todas as ramas do saber
A USC suma aos 12 másteres oficiais que imparte en Lugo catro mestrados propios, nos que figura un programa novo en Igualdade de Oportunidades e Xénero na Empresa
Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) amplía a súa oferta de posgrao no campus de Lugo para o curso 2019-20 cun abano de títulos de temática diversa que abrangue todas as ramas do saber. A relación de mestrados impartidos pola USC na sede luguesa presenta para o novo exercicio académico unha ducia de títulos oficiais que contemplan todas as orientacións e perfís, xa sexan académicos, profesionais ou investigador, ao tempo que tamén inclúe másteres que habilitan para profesións reguladas ou constitúen títulos propios ou requiridos para o exercicio profesional. “Trátase dunha oferta ampla en canto ao seu número e diversa pola súa temática”, salientou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, que tamén lembrou a maior flexibilidade que presentan aqueles programas formativos que se poden cursar en liña.

A programación de posgraos oficiais da USC en Lugo para o próximo ano académico inclúe títulos das áreas de Artes e Humanidades, como o mestrado en Servizos Culturais; de Ciencias (Máster Universitario en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnolxoías Alimentarias; Ciencias da Saúde ( Máster Universitario en Xenómica e Xenética); Ciencias Sociais e Xurídicas (con títulos de mestrado en Avogacía, Dirección de Empresas, máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, e o mestrado en Dirección de Actividades Educativas na Natureza), e Enxeñaría e Arquitectura.

A oferta nesta área temática máis ligada ás enxeñarías inclúe programas habilitantes para o exercicio de profesións reguladas, como o son os másteres en Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes, así como outras propostas acaídas para acceder ao mercado laboral, tales como os títulos de mestrado en Dirección de Proxectos, Enxeñaría de Procesado de Alimentos, ou o máster interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados.

A maioría dos títulos de máster integrados na oferta de estudos de posgrao da USC no campus de Lugo para o próximo curso presentan unha estrutura de 60 créditos ECTS, polo que a súa duración é dun curso académico. Aínda así, hai programas de posgrao cuxa duración é maior, ao tratarse de programas de 90 ou 120 créditos ECTS. O prazo xeral de matrícula en calquera dos másteres oficiais programados pola USC no campus de Lugo para curso 2019-2020 permanece aberto. As persoas interesadas poden acadar máis información respecto dos prazos de inscrición e matrícula na web.

Mestrados propios da USC

Alén dos másteres oficias programados pola USC na sede universitaria luguesa, o campus de Lugo oferta tamén para o vindeiro curso catro mestrados propios , “uns programas de prosgrao que ofrecen unha maior flexibilidade para o estudantado, ao tempo que favorecen un maior contacto co tecido produtivo e coas empresas, dado que parte do seu profesorado son profesionais”, segundo indicou a directora do Centro de Estudos de Posgrado da USC, Ana Díaz.

O máster en Igualdade de Oportunidades e Xénero na Empresa, un programa de mestrado para o que se ofrecen 15 prazas e que comezará a impartirse o próximo curso na Escola Universitaria de Relacións Laborais, constitúe a principal novidade da oferta de mestrados propios da USC en Lugo para o próximo curso. Este novo título, presentado este martes no marco dun acto no que, ademais da vicerreitora de Coordinación de Lugo, Montserrat Valcárcel, e a directora da escola universitaria de Relacións Laborais, Mercedes Montes, tamén participou a Secretaría Xeral de Igualdade, Susana López Abella; Carla Reyes, de Executivas de Galicia, e a profesora María Gómez Barreiro, completa a programación de másteres propios na sede universitaria luguesa, unha oferta que inclúe tamén para o novo ano os títulos de mestrado en Orientación Laboral, Produción de Leite e Fisioloxía e Nutrición en Pequenos Animais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.01.2020.