Ir o contido principal

A USC amplía a oferta da súa programación de actividades culturais coa apertura dun Espazo de Cine en Lugo

A Área de Cultura da USC amplía a súa oferta da programación de actividades culturais para o presente curso académico na sede universitaria luguesa coa posta en macha do Espazo de Cine USC, unha nova iniciativa a través da que se pretende favorecer a creación e, se cabe, consolidar un espazo universitario aberto á participación de todas aquelas persoas amantes do cine e do audiovisual en xeral.

O Espazo de Cine da USC nace como un pograma dirixido a persoas interesadas nesta arte, así como na produción cinematográfica, guión, dirección, análise..., pero tamén está aberto á particpación de xente que guste interpretar diante da cámara e a todas aquelas persoas con gañas de desenvolver un proxecto artístico ao tempo que completan a súa aprendizaxe neste ámbito. Andrés Goteira e Suso López, socios da produtora Gaitafilmes, serán os profesionais encargados de guiar as sesións formativas do Espazo de Cine da USC, un programa estruturado en dous módulos, un en cada cadrimestre. O prazo de inscrición no Espazo de Cine da USC permanecerá aberto ata o 6 de outubro, un día antes de que comecen as actividades previstas no primeiro módulo. As sesións formativas desenvolveranse os venres en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC. O prezo da matrícula en cada un dos módulos é de 100 euros e as persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición nas dependencias da Área de Cultura da USC emprazadas na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Pódese obter máis información respecto dos contidos e das actividades que se desenvolverán no Espazo de Cine da USC a través dos números de teléfono 982 82 15 13 e 634 582 264 ou no enderezo de correo electrónico qenvai [at] gaitafilmes.com (qenvai[at]gaitafilmes[dot]com).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2016.