Ir o contido principal

A USC analiza nun simposio a transcendencia académica e social de Antonio Casares

A Universidade de Santiago organiza este venres 22 unha xornada monográfica dedicada a estudar a transcendencia académica e social do que fora reitor da institución pai da Química moderna en Galicia, Antonio Casares, no ano en que se cumpren douscentos anos do seu nacemento O encontro inaugurarase ás 9.00 horas no Salón Nobre de Fonseca nun acto no que o reitor da Universidade de Santiago impartirá a conferencia ‘De reitor a reitor: Antonio Casares visto por Juan Casares’. Na mesa estará acompañado polo decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Juan Jesúa Gestal Otero, e o coordinador do simposio, o profesor Manuel Bermejo Patiño. A continuación, a historiadora da USC María Luisa Losada falará da vida académica e social de Antonio Casares. A esta charla seguiralle unha mesa redonda sobre a relación do profesor homenaxeado e a experimentalidade na que participarán Manuel Bermejo Patiño, Rafael Sixto Edreira e Andrés Díaz Pazos. A xornada matinal rematará coa conferencia de Domingo González Lopo titulada ‘ Casares: Da universidade clerical á universidade laica’. Antonio Casares na literatura é o tema sobre o que versará a mesa redonda na que, ás 16.30 horas, intervirán José Manuel González Herrán, Xoan Casas Rigall, Manuel Bermejo Patiño e Monserrat Ribao. Unha hora máis tarde terá lugar outro debate sobre Antonio Casares e a instrución, na que Ramón Cid Manzano, Francisco Durán Vila e Francisco Singul debaterán acerca dos aspectos docentes do profesor ou a instrución pública da muller na época. A conferencia de clausura, ‘Antonio Casares e o estudio das augas minerais galegas’, corresponderalle ás 20.00 horas ao académico numerario da Real Academia Galega Francisco Díaz Fierros. Científico pioneiro Antonio Casares, que foi reitor da USC entre 1772 a 1888, foi un científico innovador pioneiro cunha importante achega científica en moi variados campos, non só na Química. Así, destacan os seus traballos en espectroscopía, análise de augas e viños, anestésicos ou ditames periciais, ademais de ser quen descubriu os minerais Morenosita e Zaratita, o primeiro que xerou luz eléctrica en España (nun experimento realizado no claustro da Facultade de Xeografía e Historia) e quen montou o primeiro observatorio meteorolóxico de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2013.