Ir o contido principal

A USC, un ano máis no grupo das mil mellores universidades do mundo segundo o ránking Times Higher Education

A USC, un ano máis no grupo das mil mellores universidades do mundo segundo o ránking Times Higher Education
A USC, un ano máis no grupo das mil mellores universidades do mundo segundo o ránking Times Higher Education

A edición 2018 do ránking de Times Higher Education (THE) mantén a Universidade de Santiago entre as mil mellores universidades do mundo, todas elas avaliadas a través de “ trece indicadores de rendemento das principais misións dunha institución universitaria”: ensino, investigación, transferencia de coñecemento e a dimensión internacional. Este milleiro de universidades representan, segundo estimacións do propio ránking THE, “pouco máis do 5% das 20.000 institucións de ensino superior existentes no mundo”.

A Universidade de Santiago mantén a súa posición no intervalo 601-800 nunha listaxe na que se inclúen outras vinte e nove de nacionalidade española. Con respecto á edición do pasado ano, a institución académica compostelá incrementa a súa valoración media (de 27,5 a 30,6 puntos). O índice de citacións, capacidade de transferencia de coñecemento á industria e a perspectiva internacional son os aspectos mellores valorados da USC.

Para a súa elaboración Times Higher Education utiliza tanto datos cuantitativos, como por exemplo a produción científica recollida na base de datos Scopus, como os procedentes dunha enquisa de reputación académica realizada entre xaneiro e marzo de 2017 e na que se obtiveron máis de 10.500 respostas. Os criterios cun maior peso na cualificación final son relativos á reputación docente de cada institución (30% da valoración) en base aos resultados da enquisa; investigación (30%), avaliada tanto de xeito obxectivo como subxectivo; índice de citacións (30%); dimensión internacional (7.5%); e transferencia de coñecemento (2,5%).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.09.2017.