A USC, un ano máis entre as universidades do mundo máis comprometidas co medio ambiente

Na súa sétima edición o GreenMetric Ranking volve incluír a USC nunha listaxe que conforman 516 universidades de 74 países, o que incrementa a mostra en máis de cen universidades e nove países que o ano anterior. A de Santiago ocupa a posición 234, e a décimo sétima de entre as preto de trinta españolas incluídas. Esta é unha clasificación elaborada pola Universitas Indonesia que compara o esforzo das universidades no desenvolvemento e xestión dunha infraestrutura respectuosa co medio ambiente.
Para o tratamento dos datos, o GreenMetric utiliza a información en liña dispoñible de cada universidade, organizándoa en seis categorías principais: Estatística verde (15% da cualificación final), Enerxía e cambio climático (21%), Xestión de residuos (18%), Uso de auga (10%), Transporte (18%) e Educación (18%). A Universidade de Santiago acada as mellores posicións no relativo a Educación (sobre a incorporación da temática medioambiental no plano docente) ao situarse na posición 48; en Xestión de residuos, na posición 167; e en transporte, ao posicionarse como a universidade 240 do mundo.
Na edición de 2016, este ránking sobre o compromiso medioambiental das universidades engade aos países de América, Asia, Europa e África presentes en edicións anteriores novas institucións universitarias de Alxeria, Bahrain, Finlandia, Honduras, Kazakhstan, Kyrgyzstan, Nova Zelandia, Nicaragua, Nixeria, Noruega e Venezuela. O equipo encargado da clasificación selecciona criterios que xeralmente están considerados como de importancia para as universidades no ámbito da sustentabilidade. Así, inclúen información relativa ao tamaño da institución, zona de influencia e emprazamento, para deste xeito ter unha referencia do grao de espazos verdes asociados ás instalacións universitarias. Tamén se presta atención ao consumo eléctrico, sistemas de transporte, uso da auga, tratamento de residuos.