Ir o contido principal

A USC apela ao respecto institucional e ao cumprimento dos acordos e pactos asinados a respecto da impartición do Grao de Medicina

Vista exterior da Facultade de Medicina da USC
Vista exterior da Facultade de Medicina da USC
A USC, a través da súa Facultade de Medicina e Odontoloxía, cumpre coa necesidade formativa de profesionais médicos que a sociedade galega demanda. A USC apela ao respecto institucional e ao cumprimento dos acordos e pactos asinados polas institucións que compoñen o Sistema Universitario de Galicia

A Universidade de Santiago de Compostela recibe, cada ano, 403 novos estudantes que se matriculan no Grao en Medicina. Esta cifra incrementouse recentemente co obxectivo de dar cumprimento á necesidade formativa de novos profesionais da Medicina no sistema sanitario galego manifestada polas autoridades competentes, que a Consellaría de Sanidade cifra entre 300 e 400 nun informe do 23 de abril do presente ano.

A USC non soamente cumpre cun grao de excelencia sobresaliente co que a sociedade galega demanda neste ámbito, senón que tamén atende, respecta e cumpre os acordos e pactos asinados co resto de institucións que conforman o Sistema Universitario de Galicia como son a propia Xunta de Galicia e as Universidades da Coruña e Vigo.

Posición institucional
O convenio asinado o día 5 de outubro de 2015 polas tres universidades do SUG e a Consellarías de Sanidade e Educación establece, de xeito claro e unívoco, que a Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC será a única que imparta o Grao en Medicina no SUG, correspondendo a responsabilidade académica do mesmo aos órganos de goberno e os departamentos da Facultade de Medicina e Odontoloxía da institución, que serán os encargados da planificación e organización docente da titulación, sen prexuízo da colaboración das Universidades da Coruña e de Vigo e do SERGAS na docencia clínica, conforme ao estipulado no propio convenio. Ademais, especifícase que a colaboración na docencia clínica é un medio complementario de atención docente que non afecta ao réxime ordinario de prestación de servizos docentes da USC nin á política de prazas que a USC desexe aplicar no exercicio da súa autonomía.

Polo anteriormente exposto, e facendo fincapé no respecto institucional que consideramos esencial para establecer calquera diálogo no SUG, a USC continuará a respectar, de xeito escrupuloso, o asinado no día 5 de outubro de 2015, que tamén aceptaron e, así mesmo, asinaron a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e as Consellarías de Sanidade e Educación. Esta posición institucional foi avalada polo Consello de Goberno, que hoxe se reuniu.

Obxectivos da USC a respecto da impartición do Grao en Medicina
A USC ten como obxectivo prioritario seguir involucrando a todo o sistema sanitario galego na docencia clíncia do Grao en Medicina. Así, e coa fin de garantir a excelencia na impartición deste título, a USC conta coa colaboración dos centros hospitalarios de Santiago, Lugo, Vigo, Coruña, Pontevedra, Ourense e Ferrol, ademais da rede de centros de saúde.

Cando se cumpren case dez anos da descentralización da docencia 6º curso, avánzase tamén na descentralización da docencia clínica de 5º para o ano académico 26/27 co fin de que o estudantado reciba a mellor formación posible. Así, na sesión ordinaria do Consello de Goberno do día de hoxe, acordouse convocar dúas prazas de profesor titular vinculado con servizos do CHUAC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2025.