Ir o contido principal

A USC aproba o seu Protocolo de actuación fronte ao acoso psicolóxico, a violencia psicolóxica e outras situacións de conflito relacional no traballo

A USC aproba o seu Protocolo de actuación fronte ao acoso psicolóxico, a violencia psicolóxica e outras situacións de conflito relacional no traballo
A USC aproba o seu Protocolo de actuación fronte ao acoso psicolóxico, a violencia psicolóxica e outras situacións de conflito relacional no traballo

A USC aprobou o Protocolo de actuación fronte ao acoso psicolóxico, a violencia psicolóxica e outras situacións de conflito relacional no traballo. Este regulamento establece as normas de actuación da Universidade de Santiago de Compostela fronte a situacións de acoso e violencia psicolóxica así como outras de conflito relacional no traballo, na fase preliminar de investigación e avaliación dos feitos co fin de determinar se existe fundamento para iniciar o procedemento para a adopción das medidas disciplinarias ou doutro tipo que resulten oportunas ou dar traslado ao Ministerio Fiscal.

A partir da delimitación do significado de acoso psicolóxico, condutas de violencia psicolóxica e conflito relacional, o texto articulado do protocolo define igualmente o ámbito de aplicación e os principios de actuación, entre outros os de confidencialidade; respecto á dignidade, intimidade, honra e demais dereitos fundamentais; imparcialidade e paridade de tratamento; dilixencia, celeridade e boa fe; e seguridade xurídica. Ademais de definir as competencias da comisión de avaliación de conflitos, a súa finalidade e composición; o protocolo tamén especifica o procedemento na iniciación das actuacións e a súa tramitación e finalización. O documento tamén incorpora como anexo unha relación exemplificativa de comportamentos constitutivos de acoso psicolóxico ou de condutas de violencia psicolóxica.

Honoris causa
O Consello de Goberno aprobou o documento nunha xuntanza na que tamén se aprobou a concesión do grao de doutores honoris causa a Bernard L. Feringa, premio Nobel, proposto polo Departamento de Química Orgánica; ao profesor emérito da Georg-August-University en Göttingen (Alemaña) Klaus von Gadow a proposta do Departamento de Enxeñaría Agroforestal; e ao director do Laboratory of Biomaterials, Drug Delivery, Bionanotechnology and Molecular Recognition, o profesor da University of Texas at Austin Nicholas A. Peppas, a iniciativa do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica.

Escola Infantil
Outros dos puntos incluídos na orde do día da xuntanza foi a aprobación da convocatoria de prazas na Escola Infantil Breogán para os membros da comunidade universitaria e que se corresponde co compromiso institucional da USC coa responsabilidade social e as políticas de conciliación da vida laboral, persoal e familiar, establecidas no II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2014-2018. Igualmente, o órgano colexiado tamén aprobou a convocatoria de axudas para a escolarización de nenos e nenas menores de tres ano no Campus de Lugo, entre outras cuestións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2018.