A USC aproba os regulamentos para a selección de profesorado permanente e de persoal investigador e de apoio á investigación

O Consello de Goberno da USC aprobou este venres dous novos regulamentos dirixidos, por unha banda, á selección de profesorado con vinculación permanente, tanto funcionario como contratado; así como un texto que regula, pola outra, o procedemento de selección do persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i.
Logo de aprobar no mes de abril un regulamento para a selección de profesorado non permanente, a USC avanza na vía de axilizar e simplificar os procesos de selección do persoal docente e investigador. Nesta liña, a medida tratada este venres agrupa nun único texto o procedemento de selección de profesorado permanente, tanto funcionario como contratado. Este regulamento nace coa intención de adaptar o seu contido aos cambios normativos producidos dende a aprobación dos textos anteriores, de regular a utilización en diferentes fases dos procedementos de recursos tecnolóxicos que redunden nunha maior axilidade e transparencia, así como de harmonizar os procesos deseñados para cada unha das figuras de profesorado permanente. Este documento foi presentado aos responsables facultades, escolas e departamentos, así como informado favorablemente na Mesa de Persoal Docente e Investigador. O texto resultante incorpora unha boa parte das suxestións recibidas.
Regulamento para a selección de persoal investigador e de apoio á investigación
O regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i, o primeiro que a USC realiza neste eido e un dos poucos que atinxen a este ámbito nas universidades españolas, ordenará a selección deste persoal así como a elaboración de listaxes de agarda para as actividades coas que se financien os seus contratos. O texto redundará nunha “maior axilidade no proceso de contratación”, dando resposta aos diferentes tipos de actividades de I+D e ás necesidades dos grupos de investigación e do persoal investigador principal dun proxecto. Este documento inicia unha serie de accións a través das cales a USC regulará este colectivo.
Ademais de acometer os procedementos de selección, tamén se definen os órganos de selección, coa novidade de que se constituirá un órgano permanente encargado de fixar criterios de actuación, analizar e propoñer melloras e garantir a obxectividade e o rigor dos procesos de selección, entre outras funcións. Neste senso, o regulamento tamén modifica as comisións de selección que estarán formadas por tres persoas investigadoras. Ademais, o documento define as características xerais dos procedementos de selección e regula unha modalidade de contratación urxente con prazos reducidos e un procedemento extraordinario de preselección.
Sendas seguras
Na xuntanza o xerente tamén informou de que USC traballa na definición de itinerarios que marcarán sendas seguras polos campus. Será a primeira das iniciativas dun plan que a Universidade compostelá está a coordinar e co que busca acometer a humanización desta zona da cidade e que precisará da necesaria colaboración do concello compostelá.
Honoris causa e ad honorem
O Consello de Goberno aprobou asemade o nomeamento como doutores honoris causa de María Emilia Casas, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense de Madrid e ex presidenta do Tribunal Constitucional; e Fernando Devoto, profesor da Universidade de Buenos Aires, pola súa traxectoria no eido dos estudos migratorios, americanistas e historiográficos. Asemade a USC aprobou as prórrogas de profesor/investigador ad honorem.
Outros Temas
O Consello de Goberno aprobou tamén a proposta dun novo mestrado en Planificación e Xestión Territorial e cuxa implantación está prevista de cara ao vindeiro ano académico nos campus de Santiago e Lugo; así como un convenio coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que establece as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Consellería e a USC para o desenvolvemento de actuacións estratéxicas de I+D+i co fin de mellorar as infraestruturas, intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica mediante a diversificación na chegada de recursos. A creación dos cargos de director do Gabinete do Reitoría e do director científico da RIAIDT; a designación de membros do Consello de Goberno para a comisión de seguimento do absentismo; e a aprobación de reposición de vacantes de PDI foron outros dos temas abordados polo Consello.