Ir o contido principal

A USC aproba a súas liñas estratéxicas para os vindeiros dez anos

A USC aproba a súas liñas estratéxicas  para os vindeiros dez anos
A USC aproba a súas liñas estratéxicas para os vindeiros dez anos

2011-2020 é o período ao longo do que a USC estenderá a vixencia do seu Plan Estratéxico aprobado este luns en Claustro Universitario por 63 votos a favor, 22 en contra e 60 en branco. Un documento que, como indicou a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, xurde na actual época de crise e cambio como un exercicio de responsabilidade institucional. O plan, engadiu, trata de definir un novo marco que defina liñas de acción para afrontar con garantías de éxito as esixencias do ensino superior. Para a súa elaboración tomáronse como referencia a Estratexia Europea 2020, a Estratexia Universidade 2015 do Ministerio de Educación e o documento da propia Universidade compostelá USC, horizonte 2015. En base a estas referencias, o Plan Estratéxico da USC fixa a atención sobre catro ámbitos temáticos: Persoas, Actividade universitaria, Xestión institucional e Relacións co contorno. A definición dun modelo de recursos humanos baseado na eficacia, flexibilidade e sustentabilidade xunto co establecemento dun modelo de carreira profesional e promoción de Persoal Docente e Investigador e de Administración e Servizos son algunhas das accións contempladas no capítulo dedicado ás Persoas, conscientes de que o capital humano é a ”ferramenta máis valiosa”. Ademais, a estratexia da USC para os vindeiros anos pasa por atender a creación de condicións que permitan captar e reter o talento, favorecendo o cambio progresivo e renovador do persoal. No relativo ao estudantado, a USC aspira a proporcionarlle a este colectivo os mellores medios para atender a súa formación integral, ademais de aspirar a mellorar o seu grao de empregabilidade unha vez rematada a etapa universitaria. Actividade universitaria En atención á docencia, o plan incide na optimización da oferta de títulos de grao para axustalos á realidade e ás necesidades emerxentes, ademais de conformar unha oferta de posgrao especializada e competitiva. Xa no terreo da investigación, as accións a desenvolver de xeito estratéxico nos vindeiros anos aspiran a mellorar a posición internacional da USC, por exemplo, potenciando o desenvolvemento de Campus de Excelencia Internacional (CEI) e promovendo neles a integración de novos ámbitos de investigación. Xestión institucional Neste capítulo, a institución académica compostelá considera estratéxico incrementar o financiamento, en especial, garantir a suficiencia dos recursos financeiros en base a criterios que recoñezan as súas características propias. O camiño que se apunta no documento aprobado aposta pola diversificación de recursos fóra do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego. Relación co contorno Na súa relación co contorno, buscarase incrementar o compromiso coa transferencia de coñecemento con Galicia para contribuír ao seu desenvolvemento económico, pero sobre todo como fórmula de progreso social. Ademais, a Universidade compostelá dará un novo pulo á innovación e á súa transmisión aproveitando a súa experiencia en ámbitos con actividade recoñecida. Outros aspectos considerados neste eido son o reforzamento do compromiso coa responsabilidade social, a difusión cara á sociedade da cultura USC ou a posta en valor do seu patrimonio histórico, cultural, científico e técnico. En conxunto, a orientación estratéxica neste eido tamén se marca como meta acadar o recoñecemento da sociedade respecto da contribución da USC á creación de valor económico, social e cultural. Avaliación do Plan Como explicou a vicerreitora Benita Silva na súa presentación, o Plan contempla indicadores para medir o grao de cumprimento dos obxectivos así como a elaboración dunha memoria anual e unha revisión máis profunda en 2015 que permita avaliar o desenvolvemento deste documento estratéxico.

Ao documento proposto para o debate do Claustro presentáronse un total de 41 emendas, das que se aceptaron ou transaccionaron 30 e se aprobaron en votación outras 3.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2011.