Ir o contido principal

USC e Aresa botan a andar o XXIV Premio Aresa

O premio quere mellorar a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven no medio rural. FOTO: Santi Alvite
O premio quere mellorar a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven no medio rural. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López, asinan o convenio para unha nova edición dun galardón que incentiva a transferencia de innovación e coñecemento cara ao medio rural. O prazo de presentación de candidaturas permanece aberto ata o 12 de xaneiro de 2024
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor da UCS, Antonio López Díaz, e a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, asinaron este martes o convenio para a convocatoria do XXIV Premio Aresa, un galardón creado co obxectivo de mellorar a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven no medio rural e que incentiva a transferencia de coñecemento e de innovación desde a institución académica cara aos axentes produtivos do sector primario, segundo subliñou o reitor Antonio López nunha sesión na que tamén participou o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López, e durante a que reiterou o seu agradecemento ao grupo empresarial Aresa por unha iniciativa que xa está piques de celebrar a as súas vodas de prata.

A sinatura deste acordo bota a andar o XXIV Premio Aresa. As bases da nova edición deste galardón, que contempla unha dotación económica de 10.000 euros e placa conmemorativa para a candidatura gañadora, xa están accesibles en liña na web do premio e o prazo de presentación de propostas permanece aberto ata o 12 de xaneiro de 2024 nos rexistros da USC, adiantou López Pardo.

Do mesmo xeito que en eidicións anteriores, o Premio Aresa antóllase como unha convocatoria aberta á presentación dun amplo abano de propostas, entre as que teñen cabida iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

Logo de 23 edicións, o Premio Aresa de Desenvolvemento xa dá por acadado un dos seus obxectivos, tal e como é que o feito de que “se fale do campo”, dixo López Pardo, quen tamén manifestou o seu agradecemento polo apoio recibido da USC, “un socio indispensable que achega valor e prestixio ao premio”, dixo.

A vicepresidenta de Aresa aproveitou o acto de sinatura do convenio para a convocatoria do XXIV Premio Aresa para avanzar a composición de xurado que procederá a avaliar as candidaturas que concorran a esta nova edición. O reitor da USC, Antonio López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López, formarán, do mesmo xeito que en anos anteriores, dun tribunal que nesta edición contará tamén como integrantes coa catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC no Campus Terra, Ángeles Romero, así como coa conselleira delegada e directora de márketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal.

O xurado responsable da concesión deste galardón terá en conta no proceso de avaliación de candidaturas aspectos ligados co seu carácter innovador, a creación de valor engadido e emprego no medio rural, a súa viabilidade económica, a posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e, entre outros parámetros, o potencial de desenvolvemento de novos produtos, relatou a vicepresidenta de Aresa.

Palmarés de premiados

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021) e Casa Grande de Xanceda (2022).

Francisco Fraga, Antonio López e Carlota López, trala sinatura do convenio no Pazo de Montenegro
Francisco Fraga, Antonio López e Carlota López, trala sinatura do convenio no Pazo de Montenegro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2023.