Ir o contido principal

A USC e Aresa convocan a XV edición do Premio de Desenvolvemento Rural

Juan Viaño e Álvaro Rodríguez, tras a sinatura. Foto: Servimav-USC
Juan Viaño e Álvaro Rodríguez, tras a sinatura. Foto: Servimav-USC

A Universidade de Santiago e o grupo empresarial de subministros agrogandeiros Aresa asinaron este luns o convenio que pon en marcha a décimo quinta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Como é tradicional, a sinatura deste acordo desenvolveuse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome da man do reitor Juan Manuel Viaño Rey e do presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras. O premio diríxese a apoiar aquelas iniciativas que melloren a calidade de vida das persoas que traballan no medio rural galego fundamentándose na creación de emprego, na viabilidade económica dos proxectos e na valorización dos produtos da terra. Ademais, ábrese tamén a posibilidade de presentar candidaturas de iniciativas que se atopen en fase de proxecto. O presidente de Aresa explicou no acto de sinatura do convenio que se manterá a contía do premio, dotado con 10.000 euros, e as finalidades e obxectivos de sempre, aínda que “esta convocatoria suporá un paso máis na procura de apoiar a innovación e o emprendemento no eido do medio rural, e en especial, en subsectores de tradición en Galicia ou que teñan un potencial de desenvolvemento”. Na mesma liña, o reitor Viaño cualificou o premio, á vista dos seus resultados, de “exemplo magnífico da colaboración entre a universidade e a empresa”. Premiados nas edicións anteriores Na traxectoria deste galardón, creado en 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010) e a Sociedade Agraria de Transformación ‘ Montes de Trabada’ (2011).

Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012) ou Alibós, que foi a gañadora da última edición.

De esquerda a dereita, Javier Bueno, Juan Viaño, Álvaro Rodríguez e Carlota López. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2014.