USC e Aresa convocan o XXII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A USC e o grupo empresarial Aresa manteñen aberto o prazo de presentación de candidaturas ao XXII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ata o vindeiro 14 de xaneiro de 2022, segundo se recolle no convenio asinado este luns entre o reitor Antonio López e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, para a convocatoria deste galardón, que conta cunha gratificación en metálico de 10.000 euros, ademais de placa conmemorativa.
As persoas interesadas en promover candidaturas a este premio a prol do desenvolvemento rural, convocado pola USC e Aresa, poderán presentar a documentación requirida en calquera dos rexistros xerais de que dispón a USC nos seus campus de Lugo e de Santiago, tal e como se recollen nas bases deste premio, que están accesibles na web www.aresa-agricola.com.
O Premio Aresa recoñece cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego.
Premiados
Na traxectoria do Premio Aresa, que xa ten acadado un recoñecido prestixio no sector, figuran como galardoados Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos da USC (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003); a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da TVG O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (EPSE) (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) (2019), e a Cooperativa A Carqueixa, que resultou gañadora do premio na edición de 2020.
