USC e Aresa impulsan a agricultura ecolóxica coa concesión do XIX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ao Craega
O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) recibiu este venres o XIX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado polo grupo empresarial Aresa e a USC, que nesta súa décimo novena edición fai un recoñecemento explícito ao impulso que está a experimentar a agricultura ecolóxica en Galicia ao tempo que pon o foco no importante labor que está a desenvolver o Craega, un órgano que coa súa acción de apoio e asesoramento ás pequenas empresas, contribúe á súa viabilidade económica, axuda a fixar poboación no medio rural e promove formas de traballo e de produción respectuosas co medio ambiente.
O presidente do Craega, Francisco López Valladares, foi a encargado de recoller o galardón, dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa, no transcurso dunha cerimonia presidida polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e na que tamén interviñeron o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o director xeral de Capsa Food, Armando Tellado, e o ex director Xeral de Agricultura da Comisión Europea José Manuel Silva Rodríguez, quen ofreceu o relatorio ‘A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible’, unha intervención na que subliñou que “a evolución do mercado e da produción ecolóxica foi radical”.
O reitor Antonio López Díaz, salientou na súa intervención que “iniciativas como a do Premio Aresa sirven para revitalizar a conexión da USC coa sociedade”. López trasladou tamén os seus parabéns ao presidente do Craega, así como a todos os produtores e consumidores de alimentos ecolóxicos, ao tempo que reiterou o agradecemento da institución académica ao presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, por ter activado xunto coa USC unha exitosa iniciativa que supera a maioría de idade.
“As bases do Premio Aresa concordan en gran medida coas pretensións e coa formación e investigación que desenvolve a USC na súa sede luguesa, nun Campus Terra que trata de agromar esforzos en docencia e I+D arredor do aproveitamento dos recursos da Terra e da mellora da calidade de vida das súas xentes”, sinalou López, quen tamén tivo palabras de eloxio para o resto de candidaturas presentadas á presente edición do certame, dado que “son todas un gran exemplo da posta en valor do rural”, dixo.
O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, abundou nas felicitacións ao Craega polo recoñecemento recibido, ao tempo que destacou que este órgano regulador “xoga un papel fundamental na expansión da agricultura ecolóxica”. O conselleiro de Medio Rural referiuse asemade á agricultura ecolóxica e á súa produción como “a agricultura do futuro, xa que oferta de produtos sans e saudables e de máxima calidade, ao tempo que permite sensibilizar á xente do medio rural e concienciala da importancia da conservación da súa contorna”.
Crecemento exponencial da produción ecolóxica
“Nos últimos 10 anos, o crecemento deste tipo de produción ecolóxica alcanzou un 60 % e o valor dos produtos ecolóxicos na Unión Europea pasou, do ano 2000 ao 2017, dos 6 mil millóns de euros a 33.000 millóns de euros na actualidade”, relatou Silva Rodríguez na súa intervención. O poñente tamén indicou que o sector ecolóxico foise facendo cada vez máis eficaz e especializado. “O factor motor deste cambio foi a demanda, pois na última década aumentou máis rapidamente que a produción europea”, comentou Silva Rodríguez.
Álvaro Rodríguez Eiras destacou asemade “o importante labor que desenvolve o Craega na defensa da produción agrogandeira ecolóxica de Galicia, pois baixo o seu selo os consumidores teñen a garantía de que os produtos que se poñen á venda como ecolóxicos compren coa lexislación vixente nesta materia e esta identificación rompe definitivamente coa falta de rigor que existiu neste senso no pasado”.
A importancia social da produción ecolóxica foi un dos factores que motivou o fallo do xurado do XIX Premio Aresa, integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o director xeral de Capsa Food, Armando Tellado; o ex director Xeral de Agricultura da Comisión Europea José Manuel Silva Rodríguez, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ademais da vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, que actou como secretaria do mesmo.
O fallo emitido polo xurado tivo en conta precisamente para a concesión deste premio a capacidade da agricultura ecolóxica e, nomeadamente do Craega, para xerar emprego de e no medio rural e para poñer en valor os produtos da terra. O xurado tamén salientou a importante función que está a desenvolver o Craega na recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para innovar.
Craega, unha longa traxectoria O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega, é o órgano encargado do control e da certificación da agricultura ecolóxica en Galicia. Naceu en 1997 e comezou a súa actividade coa certificación de producións vexetais. Foi nos anos 2000-2001 cando ampliu o seu labor á produción animal e xa no 2010 incluíu a acuícola, pois tamén certifica produtos de pesca, como o mexillón ou a extracción sostible das algas.
Francisco López Valladares dedicou o premio aos consumidores comprometidos co ecolóxico e agradeceulles aos membros do xurado un galardón que supón para entidade “un recoñecemento a case 22 anos de traxectoria defendendo o ecolóxico”. “Este premio pertence aos máis de mil operadores que integran a familia do Craega, porque cada día se erguen para loitar polo rural galego e para facer deste país un mellor sitio para vivir. Sen eles non estariamos agora neste auditorio”, apuntou.
Representantes da vida política, social e académica
O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde; o concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro; os xefes territoriais en Lugo da Consellería de Presidencia e de Medio Ambiente, Ramón Carballo e Margarita López Blanco, respectivamente; o secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a secretaria do delegado da Xunta en Lugo, Marta Barreiro; o director do Cetal, Javier Bueno; o alcalde de Meira, Antonio de Dios, foron algúns dos representantes políticos que asistiron á cerimonia de entrega do XIX Premio Aresa na Facultade de Veterinaria de Lugo.
A presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro; o presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo; Jesús Méndez, de Caixa Rural Galega; o ex reitores da USC Juan Casares e Senén Barro; o xerente da USC, Javier Ferreira, e o vicexerente do campus de Lugo, Delfín Pérez, a vogal do Consello Social da USC Blanca de Cora, presidentes de colexios profesionais, tamén participaron no acto. Entre a ampla representación académica tamén cómpre citar tamén os decanos das facultades de Veterinaria e ADE, Germán Santamarina e Begoña Barreiro, e o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta; os adxuntos á Vicerreitoría de Coordinación de Lugo, Jesús Varela Zapata e Elvira López Mosquera, ademais de directores de departamento e outros profesores da USC no campus lugués.
Premiados en edicións anteriores
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016) e a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017).
Autoridades académicas, políticas e da sociedade civil presentes na cerimonia de entrega do XIX Premio Aresa