Ir o contido principal

A USC ascende á posición 407 do ránking Global Universities de US News

A USC ascende á posición 407 do ránking Global Universities de US News
A USC ascende á posición 407 do ránking Global Universities de US News
É a novena universidade mellor valorada e ocupa posicións destacadas pola súa produción en Farmacoloxía, Toxicoloxía ou Matemáticas

De entre as 1250 universidades máis importantes do mundo, a de Santiago é a novena das españolas e a 407º da clasificación xeral, realizada cos datos de institucións de 75 países. Estes serían os indicadores destacados no ránking Global Universities de US News & World Report que avalía o desempeño investigador das universidades e a súa reputación en base ás valoracións outorgadas por membros da comunidade académica de todo o mundo.

No contexto europeo a USC figura na posición 180, sendo os aspectos nos que acada a súa mellor valoración os relativos á reputación no continente (na posición 197 da clasificación global), porcentaxe de publicacións realizadas en colaboración internacional (292), colaboracións internacionais (334), número de publicacións entre as máis citadas (390), citacións (407) ou publicacións (418), entre outros.

A produción científica en Farmacoloxía e toxicoloxía sitúa á USC na posición 126 de entre as mellores do mundo; mentres que pola de Matemáticas atoparíase na 127 e por Ciencias da agricultura na 138. Atendendo ao traballo investigador realizado en Bioloxía molecular e Xenética, a USC ascende á posición 189 do ránking global de universidades, mentres que en Química ocupa a 297. Outras áreas nas que tamén destaca son Ecoloxía/Medio Ambiente (309), Física (345), Ciencias das plantas e dos animais (393), Enxeñaría (437) e Medicina Clínica (454).

A reputación global en investigación (12,5%), reputación nos seus respectivos continentes (12,5%) e número de publicacións entre as máis citadas (12,5%) son os indicadores con maior peso na ponderación final da cualificación outorgada a cada institución seguidos dos datos de publicacións (10%), índice de impacto normalizado (10%) ou porcentaxe de publicacións totais entre as máis citadas (10%). Outros aspectos avaliados son o número de citacións (7,5%), as colaboracións internacionais (5%), a porcentaxe de publicacións realizadas en colaboración internacional (5%) ou o número de artigos altamente citados que se atopan entre os máis citados nos seus respectivos ámbitos (5%), entre outros criterios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2019.