A USC asesora e reforza a capacidade de investigación en cambio climático do Ministerio de Medio Ambiente en Guatemala
Catro docentes no programa de Doutoramento Internacional en Agricultura e Medio Ambiente, un programa formativo de posgrao impulsado pola USC e a Universidade San Carlos de Guatemala, veñen de participar no obradoiro ‘Cambio climático e investigación científica’, un foro organizado pola Dirección de Cambio Climático do Goberno guatemalteco, en colaboración coa USC.
A delegación da institución académica compostelá convidada a participar neste seminario, a través do que as distintas administracións de Guatemala buscan recibir novas achegas para fortalecer así as súas capacidades en materia de biodiversidade e deforestación dos seus bosques, está formada polos profesores do Doutoramento Internacional en Agricultura e Medio Ambiente José Carlos Otero, Edelmiro López e Joaquín Giménez de Azcárate, así como polo coordinador deste programa na USC, o profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Agustín Merino. As distintas sesións desenvolvidas esta semana no marco do seminario ‘Cambio climático e investigación científica’ favoreceron o intercambio de experiencias de xestión entre España e Guatemala, ao tempo que serviron para identificar baleiros técnicos e financeiros. A colaboración e o intercambio de información entre os investigadores dun e doutro lado do Atlántico que tomaron parte neste seminario permitiron establecer sinerxias e acordar novas liñas de traballo conxuntas entre a institución académica compostelá e a Universidade San Carlos de Guatemala, así como entre outros cooperantes nacionais e internacionais. Os temas que crearon maior expectación e debate responden a cuestións ligadas coas políticas de desenvolvemento rural para a adaptación e mitigación do cambio climático, perda de biodiversidade e a xestión agrícola e forestal orientada á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Estes aspectos acadan especial relevancia en Guatemala, xa que o país centroamericano está a experimentar unha importante perda da súa biodiversidade ademais de acelerados procesos de deforestación. O interese destes debates ten se cabe maior relevancia na conxuntura actual, xa que nestes momentos Guatemala pode ter acceso á comercialización de bonos de carbono a través da posta en marcha de determinadas prácticas agrícolas e forestais. Merino, cun investigador local, nun bosque guatemalteco